Rego urxe eliminar os atrancos administrativos á práctica do piragüismo federado en Galicia

O BNG demanda recoñecer de forma explícita o interese público desta práctica deportiva e exixe impartir ás Confederacións Hidrográficas as instrucións precisaspara facilitar as autorizacións a competicións e actividades federadas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado adopte as medidas necesarias que reduzan os atrancos administrativos que están a dificultar a práctica do piragüismo federado no dominio público hidráulico. A proposta parte das demandas trasladadas pola Federación Galega de Piragüismo e busca garantir un marco normativo que facilite o desenvolvemento desta actividade deportiva.

Néstor Rego subliña que a Galiza é unha referencia neste deporte e que unha parte moi importante das medallas olímpicas nesta disciplina foron logradas por deportistas galegos e galegas. “Non ten sentido que un deporte que deu tantos éxitos e con tanto arraigo no noso País teña que enfrontar continuamente trabas burocráticas que dificultan a súa práctica” sinala.

A iniciativa do BNG insta o Goberno a impulsar, en diálogo coa Federación Galega de Piragüismo, reformas e medidas concretas que permitan reducir os problemas administrativos que afectan á actividade. Entre outras cuestións, o BNG propón facilitar que as embarcacións de competición federada sen motor poidan quedar habilitadas e identificadas mediante licenza federativa e control técnico federativo para practicar o deporte nas distintas Confederacións Hidrográficas, evitando así a necesidade de obter matrículas distintas en cada demarcación.

Así mesmo, reclama que se emitan as instrucións precisas ás Confederacións Hidrográficas para facilitar a autorización de competicións e prácticas federadas cun réxime específico que teña en conta a natureza deportiva destas actividades.

A proposta tamén exixe recoñecer explicitamente nos procedementos de autorización o interese público da práctica deportiva desenvolvida polas federacións deportivas recoñecidas legalmente e estabelecer un marco que permita compatibilizar a práctica do piragüismo federado coa pesca fluvial recreativa.

Para Rego, “o Goberno debe actuar para garantir que un deporte cunha enorme implantación na Galiza poida desenvolverse con normalidade e sen obstáculos administrativos innecesarios”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios