Mondoñedo abre a tempada 2026 de visitas á cova do Rei Cintolo

No presente ano as visitas están xa en marcha, sendo visitas de fin de semana: venres, sábados e domingos. En canto aos horarios, haberá un grupo pola mañá (11h) e outro pola tarde (16h). Esta oferta amplíase durante a Semana Santa, na que se ofrecen visitas todos os días.

Pasada a Semana Santa, as visitas serán en fins de semana e festivos ata o verán, no que xa serán todos os días da semana e engadirase un grupo horario máis na oferta, o das 18:30h.

As visitas turísticas lévanse a cabo na Galería Central da cova, cun percorrido de 300m e unha duración de 1h e 15minutos aproximadamente. Para realizar a visita pídese unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios.

A reserva ten que facerse de forma previa na na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es. A idade mínima para entrar na cavidade é de  11 anos e o prezo da visita é de 20€/persoa.

MATERIAL PARA A VISITA

En canto á preparación para a visita, é obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita.

Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.

SEGUNDA MODALIDADE DE VISITA

No presente ano, tras a boa acollida dos anos anteriores, continúa aumentado a oferta da segunda modalidade de visitas á Cova, a Visita á Zona do Río. Un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, previa reserva coa Oficina de turismo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es

A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo, para este percorrido espeleolóxico de maior duración, é de 40€/persoa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios