A Coruña acolle as finais do Torneo Ibérico de fútbol gaélico 2025/26

O club Fillos de Breogán, fundado en 2010 e decano do gaélico galego, organiza en 2026 a fase final do Torneo Ibérico de fútbol gaélico, que terá lugar na cidade deportiva Arsenio Iglesias o sábado 6 de xuño.

O fútbol gaélico organízase a nivel mundial en rexións e subrexións. Dentro da rexión europea, na subrexión de Iberia compiten os equipos de España, Portugal e Xibraltar, e á súa vez está estruturada en tres zonas: centro-leste, sur e Galicia. Durante a tempada deportiva, cada zona leva a cabo as súas competicións (no caso de Galicia trátase dunha liga regular) e os mellores clasificados xogan as finais ibéricas, que outorgan o título de mellor equipo da rexión.

A sede do Ibérico é rotatoria. Tras a pandemia esta competición pasou por Valencia (2021/22), Vigo (2022/23) e Salou 2023/24 e 2024/25). Este ano volve a Galicia no eido das celebracións do XV aniversario de Fillos de Breogán. O club coruñés organizou xa o Torneo Ibérico en 2012, 2013, 2014 e 2017, e ademais en outubro de 2022 a cidade foi sede do Torneo Paneuropeo. Fillas de Breogán, o equipo feminino, venceu o Campionato Ibérico en 2016, 2017 e 2018, e o Campionato Paneuropeo en 2019 e 2024 na categoría Intermediate.

Este Torneo componse de tres competicións que se xogan en paralelo: as finais Senior, que xogan os mellores equipos de cada rexión; as finais Intermediate, nas que participan os equipos que quedaron a continuación destes na clasificación; e unha competición de desenvolvemento, que será disputada por equipos de toda Iberia que acaban de xurdir, ou que aínda están en proceso de captación de xogadores e non teñen xente suficiente para competir durante o resto do ano. En ocasións estas competicións organízanse de xeito separado, pero neste 2026 vanse celebrar todas xuntas para facilitar a organización dos equipos para viaxar e porque A Coruña dispón de instalacións axeitadas para un evento deste tamaño.

Coa disputa das ligas aínda en marcha xa se saben algúns dos equipos que se clasificarán para cada competición. Será segura a presenza dos clubs Barcelona GAA, gañadores en 2025 do Torneo Ibérico tanto na categoría masculina coma na feminina, e Madrid Harps, ademais de outros habituais desta competición.

Tras a competición deportiva organizarase unha gran festa para todas as persoas participantes e aberta ao público na que haberá diversas actividades festivas, e que servirá de colofón para pórlle o ramo aos festexos polo 15º aniversario do club.

Comparte éste artículo
No hay comentarios