O pasado mércores 4 de marzo, o Colectivo das Pedras Galladas e ADEGA organizaron unha mesa redonda na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda baixo o título “O Monte Xalo: O Olimpo Ártabro. A auga, a paisaxe e o patrimonio que nos sostén” O encontro estivo moderado por Xandro García e reuniu diferentes voces vinculadas ao territorio para reflexionar sobre o valor ecolóxico, social e cultural do Monte Xalo.
Na mesa participaron a investigadora en botánica da Universidade da Coruña Eva Martínez, a enxeñeira de montes Beatriz Rodríguez-Morales, Xan Castro, vogal da directiva do Monte Veciñal Xalo de Celas e o escritor e investigador da memoria popular Lois Vilar. Ao longo da sesión abordáronse cuestións clave como o papel dos montes veciñais en man común, a importancia ecolóxica do Xalo como regulador natural das augas, o seu valor social para a veciñanza e o seu patrimonio cultura, ecolóxico e arqueolóxico, ligado a lendas, pedras singulares, brañas e ecosistemas únicos.
Durante a conversa tamén se tratou a preocupación existente arredor do proxecto dunha central hidroeléctrica reversible na zona de Meirama, que podería ter impactos sobre o territorio e sobre o sistema de augas que abastece á comarca coruñesa. As persoas participantes coincidiron nunha idea compartida: que un monte danado non é un monte perdido e que a restauración ecolóxica é posible se se toman decisións orientadas á recuperación e ao coidado do territorio e non se permiten proxectos que o danen aínda máis.
O encontro contou cunha notable participación do público, que ampliou o debate con preguntas e reflexións e conectou tamén con outras experiencias de defensa do territorio na comarca. A diversidade das intervencións e o interese das persoas asistentes fixeron da mesa redonda un espazo moi enriquecedor de información, diálogo e aprendizaxe colectiva. Para continuar con esta mesa redonda o domingo, día 15 de marzofarase unha Andaina reivindicativo polo Monte Xalo e acto informativo aberto a todo o público interesado
Puxéronse tamén sobre a mesa as carencias actuais na maneira de tomar decisións sobre o territorio. As administracións públicas continúan a priorizar con demasiada frecuencia o valor económico inmediato por riba do valor social, ambiental e comunitario, sen contar coa veciñanza nin cos colectivos que coñecen e coidan estes espazos. No caso do proxecto de Meirama, foron as asociacións e entidades sociais as que tiveron que facer o traballo de análise, información e presentación de alegacións, sen que existise un proceso previo real de información nin participación.
Dende ADEGA, o Colectivo das Pedras Galladas e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda agradecen inmensamente ás persoas relatoras e a todas as asistentes a súa participación e compromiso. A defensa do Monte Xalo e do noso patrimonio natural non remata aquí: seguirá sendo unha loita colectiva, sostida dende a información, a organización e o apoio mutuo da comunidade.