Celebraranse mañá xoves e o venres en horario de tarde, para facilitar o acceso dos mozos e mozas e das súas familias.
A Universidade da Coruña organiza mañá xoves, día 12, e o venres, día 13, en horario de tarde, unha Xornada de Portas Abertas para dar a coñecer as distintas facultades e escolas, así como as titulacións de grao que nelas se imparten nos campus da Coruña. Trátase dunha iniciativa dirixida ao estudantado de calquera centro de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior. No caso do Campus de Ferrol, esta iniciativa será o próximo 25 de marzo.
As persoas participantes na Xornada de Portas Abertas terán a oportunidade de coñecer as instalacións e os graos que se ofertan na 17 facultades ou escolas da Coruña e poderán compartir inquedanzas e resolver dúbidas co profesorado e estudantado do centro. Todo co obxectivo de que, nun breve espazo de tempo, poidan ter unha visión do modelo de ensino e consultar posibles dúbidas respecto a esas titulacións concretas.
Para iso, deberán de inscribirse para visitar os centros que sexan do seu interese, seleccionando tamén o horario que mellor lles conveña.
As dúas xornadas arrancarán na Casa do Estudantado ás 15:30 horas, sesión na que se informará do sistema de acceso e admisión e das bolsas e axudas ao estudo.
Posteriormente, as persoas participantes trasladaranse a aqueles centros que fosen do seu interese, á hora previamente reservada, onde a persoa coordinadora explicará os recursos cos que conta cada infraestrutura e ofrecerá información relativa ás titulacións, así como as principais saídas profesionais de cada titulación.
Toda a información, horarios previstos e modo de inscrición para cada unha das instalacións pode atoparse a través desta ligazón.