O PP de Monforte urxe a mellora inmediata do acceso á N-120 e denuncia o «estado deplorable» do firme e da iluminación

Katy Varela: “É curioso que un alcalde tan dado a elaborar proxectos para obras que non son da súa competencia sexa incapaz de solicitar con éxito ao Ministerio o reasfaltado e a reposición da luz nun punto neurálxico para a economía monfortina”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte poñen o foco sobre o estado de abandono que presenta un dos principais accesos á cidade: a conexión entre o polígono industrial do Reboredo e a estrada nacional N-120.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que defenderon un rogo no último pleno ordinario, no que esiximos a José Tomé que abandone a súa política de “proxectosque lle dan fotos un día” e se centre en solucionar os problemas reais dos veciños e das empresas instaladas no parque industrial.

Katy Varela denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente deplorable”, unha situación que non se debe só á climatoloxía invernal, senón ás continuas avarías na rede de abastecemento de auga nese tramo, que provocan fochancas e o levantamento do asfalto de xeito recorrente.

A voceira popular sinala un grave problema de seguridade, xa que “o enlace conta con luminarias para garantir a visibilidade dos usuarios, pero xa nin lembramos a última vez que funcionaron”.

Katy Varela lamentou que, malia a todos os anos que José Tomé leva á fronte do Concello e estivo á fronte da Deputación, non fose capaz de facer valer o seu cargo para conseguir que o Ministerio de Fomento adecente esta entrada.

«É curioso que un alcalde tan dado a elaborar proxectos para obras que non son da súa competencia sexa incapaz de solicitar con éxito ao Ministerio o reasfaltado e a reposición da luz nun punto neurálxico para a economía monfortina», criticou.

A voceira popular non só sinala ao Ministerio, senón que apunta directamente á xestión municipal. No rogo instouse ao Concello a que tamén actúe na rúa Reboredo, nas inmediacións do enlace, onde o estado das tubaxes e o asfalto “está a prolongar unha situación de abandono que xa dura demasiado tempo”.

A N-120 é unha vía fundamental para os veciños e veciñas de Monforte, xa que mentres non chega a tan demandada A-76, é a principal vía de comunicación coa provincia de Ourense. Trátase ademais dunha estrada que conecta cidades e vilas galegas de gran relevancia como Monforte, Ourense, Quiroga, O Barco de Valdeorras ou A Rúa.

“Cómpre lembrar que no mes de maio do ano pasado dende o Grupo Municipal Popular de Monforte xa defendemos unha iniciativa no pleno do Concello solicitando o arranxo urxente do firme da N-120, especialmente no seu trazado pola nosa comunidade autónoma, moción que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación, contando incluso co apoio explícito do alcalde, pero que vemos non tivo repercusión algunha porque o Goberno de Pedro Sánchez nada fixo”, recordou.

A realidade é que non se levou a cabo ningunha actuación desde entón. A falta de mantemento e de investimentos tradúcese hoxe nunha estrada practicamente intransitable nalgúns tramos, onde nas últimas semanas se teñen producido decenas de incidencias que afectan á seguridade viaria e ao día a día dos usuarios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios