Adrián Salgado e Guido Guía lanzan unha iniciativa para promover a visión da eclipse dende Lugo

O vindeiro 12 de agosto de 2026 a cidade de Lugo converterase nun dos lugares privilexiados do planeta para observar un dos fenómenos astronómicos máis destacados das últimas décadas: un eclipse total de Sol visible ao 100 %. Con motivo desta cita histórica, Adrián Salgado Óptica e Audición e Guido Guía impulsan unha campaña conxunta para promover a observación segura da eclipse e animar tanto á veciñanza como aos visitantes a desfrutar deste acontecemento único na cidade.

A iniciativa combina divulgación, seguridade e promoción do territorio. Por unha banda, Adrián Salgado Óptica e Audición facilitará lentes homologadas para a observación segura da eclipse, que serán entregadas gratuitamente aos seus clientes e estarán tamén dispoñibles para o público xeral a un prezo accesible.

Por outra banda, Guido Guía organizará unha ruta guiada especial o propio día da eclipse. A actividade partirá ás 18.00 horas desde a tenda de Adrián Salgado Óptica e Audición, situada na rúa da Raíña, e rematará no Parque Rosalía de Castro, considerado un dos espazos máis axeitados da cidade para contemplar o fenómeno astronómico.

Os promotores da campaña destacan que o eclipse representa unha oportunidade excepcional para situar Lugo e Galicia no mapa internacional da observación astronómica, atraendo visitantes e xerando unha experiencia colectiva arredor dun evento irrepetible.

Nas vindeiras semanas daranse a coñecer novos detalles sobre a iniciativa, así como información práctica para que todas as persoas interesadas poidan participar e observar a eclipse nas mellores condicións de seguridade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios