O PSdeG do Vicedo presenta unha moción para mellorar a sinalización en todas as parroquias no pleno do 25 de marzo

 O PSdeG-PSOE do Vicedo levará ao próximo pleno municipal, que se celebrará o vindeiro 25 de marzo, unha moción para reclamar a mellora e ampliación da sinalización en todas as parroquias do concello, unha demanda reiterada pola veciñanza ao longo dos últimos anos.

Desde a agrupación socialista lembran que, tras moito tempo agardando por actuacións neste ámbito, a realidade é que existen numerosas zonas das parroquias —como Negradas, Mosende, Cabanas, Riobarba, San Román ou Suegos— nas que a sinalización é insuficiente ou inexistente, dificultando a localización de lugares e vivendas.

Esta situación non só afecta á vida diaria da veciñanza, senón que supón un problema importante para servizos esenciais como ambulancias, reparto de Correos ou atención de emerxencias, ademais de prexudicar a imaxe do municipio de cara a visitantes.

A través desta moción, o PSdeG propón que o Concello impulse un plan completo de sinalización que permita identificar correctamente todos os núcleos de poboación e lugares das parroquias, garantindo así unha mellor organización do territorio e unha maior seguridade.

Os socialistas subliñan que “o Vicedo non pode seguir esperando máis tempo por algo tan básico”, e insisten en que esta actuación é necesaria tanto para facilitar o día a día da veciñanza como para avanzar na modernización e posta en valor do municipio.

Finalmente, o grupo municipal reafirma o seu compromiso de seguir trasladando ao pleno as demandas reais da cidadanía, traballando con responsabilidade para mellorar os servizos e a calidade de vida no conxunto das parroquias.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios