Down Galicia: “Estamos cansos de que pensen por nós, de que nos etiqueten e de todos os prexuízos que existen”

O Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e pola asociación Down Lugo para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down e o 30 aniversario da entidade lucense. Nun acto que mesturou unha parte institucional con actuacións musicais e de teatro, as persoas coa síndrome de Down foron as verdadeiras protagonistas, poñendo de manifesto, entre outras moitas cousas, que merecen as mesmas oportunidades que as demais, e reclamando, un ano máis, os seus dereitos.

Foron doce as persoas encargadas de dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, usuarias de Down Lugo e membros da sociedade lucense, dando así voz a todo o colectivo e facendo fincapé en que as persoas coa síndrome de Down, coma calquera outra, queren vivir a vida que elas mesmas elixan.

Fátima, Carla, Alba, Saúl, Marcos, Lucía, Área, Nazaret, Maruxa, Eduardo, Uxía e Iria demandaron ante todo o auditorio que “un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Temos dereito a participar, a sentirnos parte da nosa comunidade, a que se nos trate coma persoas adultas e a facer algo máis que fotocopias nos nosos traballos”. Pero tamén quixeron reivindicar que queren “tomar as nosas propias decisións. Que nos deixen equivocarnos. E ser persoas autónomas e independentes. Estamos cansos de que pensen por nós, de que nos etiqueten, e de todos os prexuízos que existen sobre as persoas coa síndrome de Down”.

No acto, que levaba por título “21/3 Rodando a Vida” tamén interviñeron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz; o deputado responsable da área de promoción económica e social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; a presidenta de Down Lugo, María José Blanco Freire; e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González.

A presidenta de Down Lugo, María José Blanco, comezou a súa intervención agradecendo a asistencia de tódalas persoas alí presentes e destacando o percorrido da entidade que preside durante os seus 30 anos de existencia: “É imposible non sentir orgullo por todo o conseguido. Desde aqueles primeiros pasos dados por un grupo de nais e pais valentes, ata a realidade actual da nosa asociación: un espazo de apoio, de autonomía, onde cada persoa pode desenvolverse plenamente e ver respectados os seus desexos e opinións”. Así mesmo, Blanco quixo resaltar que “a inclusión non é só responsabilidade das entidades Down. É un compromiso de todos e todas. Das administracións, que deben garantir políticas públicas que eliminen barreiras e fomenten a igualdade de oportunidades. Das empresas, que deben apostar por modelos de emprego inclusivo. Dos colexios, que constrúen sociedades máis xustas e respectuosas. E, por suposto, de cada unha e cada un de nós”. Para finalizar, a presidenta de Down Lugo quixo agradecer a todas as persoas que loitaron a prol da inclusión durante todos estes anos, recordando que “unha sociedade inclusiva non é un regalo, senón un dereito”.

O presidente de Down Galicia, pola súa parte, quixo comezar a súa intervención felicitando a Down Lugo polo seu 30 aniversario e poñendo en valor “o gran traballo e o camiño percorrido nestas tres décadas”. Delmiro Prieto continuou o seu discurso poñendo de manifesto o moito que a sociedade avanzou nestes 30 últimos anos, pero destacou que “non se debe deixar de poñer o foco no moito que nos queda por avanzar porque o obxectivo non pode ser outro que chegar a conseguir a normalización das persoas coa síndrome de Down”. O presidente da Federación quixo facer fincapé na campaña lanzada este ano pola Federación Down España, na que se exemplifica perfectamente “as barreiras que a sociedade impón, moitas veces de xeito insconsciente, ás persoas coa síndrome de Down”. Prieto concluíu incidindo en que “o máis importante é cambiar a mirada e non poñer límites ás súas capacidades porque é o único camiño para que poidan levar a vida que elas mesmas escollan”.

Ademais das intervencións das autoridades presentes, as persoas asistentes a este acto puideron desfrutar dun evento único, cheo de propostas diferentes. Este acto central, aberto a toda a cidadanía e concibido como un espazo de encontro e reivindicación colectiva, foi conducido pola Compañía de Teatro Down Lugo e o alumnado da Escola Palimoco Teatro Danza e combinou a parte institucional con outra máis lúdica.

O auditorio converteuse nun cine improvisado, homenaxeando ás salas que existían na  cidade de Lugo en 1996, ano no que se crea Down Lugo, e facendo un guiño aos Premios Mestre Mateo que se entregan na cidade esta mesma noite.

Así mesmo, intercaladas entre o resto da programación, as persoas alí presentes puideron desfrutar tamén das actuacións de MJ Pérez, unha das voces do panorama actual da música galega e gañadora de múltiples premios, e de Abraham Cupeiro, artista lucense recoñecido internacionalmente pola súa capacidade para recuperar e reinterpretar instrumentos ancestrais.

Premios Down Galicia

A Federación Down Galicia entregou nesta ocasión os XI Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

O premio na categoría institucional foille outorgado á Universidade de Santiago de Compostela, pola súa colaboración institucional a través do desenvolvemento de diferentes programas formativos levados a cabo en distintas facultades do Campus de Lugo nos que participaron numerosas persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón recaeu en Alejandro Méndez Lázare, chef do restaurante “Os Cachivaches”, pola súa colaboración desinteresada con Down Lugo a través do desenvolvemento de diferentes actividades formativas no ámbito da autonomía doméstica e da organización da gala gastronómica solidaria “10 raziones”.

O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.

Colaboracións na sensibilización polo Día Mundial da Síndrome de Down

Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, está previsto que a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, as Fontes da Rúa Aragón en Vigo e a de Catro Camiños na Coruña, os concellos de Pontevedra e Ferrol, a Ponte Romana de Ourense e a Ponte das Correntes de Pontevedra, o Teatro Jofre en Ferrol, os edificios das Deputacións de Ourense e Pontevedra, ou o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, entre outros, se iluminen os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Campaña estatal #TanComoTú

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, as entidades Down de España lanzaron #NoSoyYoEresTú, unha campaña que ten por obxectivo denunciar a percepción negativa que parte da sociedade asocia á síndrome de Down a través de algunhas das situacións que viven as persoas con esta alteración cromosómica no seu día a día.

Deste xeito, as pezas audiovisuais pretenden poñer o foco en que as dificultades que presupoñemos ás persoas coa síndrome de Down, constrúen barreiras que impiden o desenvolvemento óptimo das súas capacidades e a súa verdadeira inclusión.

Esta campaña consta de catro pezas independentes nas que Carlos, Martín, Sara e Eva representan escenas da vida cotiá nas que se mostran as limitacións que a sociedade impón ás persoas coa síndrome de Down e cuxas consecuencias son a infantilización, a sobreprotección e a falta de inclusión real das persoas con esta discapacidade intelectual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios