A zona e dominio en rebote asturianos dan ao traste coas opcións betanceiras,
104-77: Sobran todas as palabras. Se a expedición betanceira partía para Navia coa esperanza de sumar unha vitoria que lles dese practicamente a permanencia en 3ª FEB, a realidade foi que o equipo local, que queimaba os seus últimos cartuchos para a salvación, inflixiu unha das derrotas máis amplas da temporada ao equipo de José Amando Pena “Soviético”. Se a primeira parte do partido, malia a irregularidade e o desacerto no pase, acabou cun 56-49 que aínda daba certas expectativas (máxime cando tras o comezo do 3Q os galegos se puñan a 3), os seguintes minutos foron de auténtica desfeita: 25-9 para os locais e un +23 no marcador que xa deixou sen opción ningunha ao equipo visitante. A vitoria final asturiana por 27 puntos, cimentada nunha eficiente defensa en zona e no dominio por 45 a 28 no rebote, aperta aínda máis a zona quente da táboa e só o “pinchazo” de equipos como Chantada ou Ulla Oil Rosalía permite que o Santo conserve aínda a sétima praza, cun Sigaltec, iso si, respirándolle na caluga. Polo que toca ás estatísticas, 17 puntos de Abelleira con 24 de valoración, 12 de Randolph e Luís Portilla e 9 de Nico Lagares e Marcos Rozas, nun partido en que o canteirán Manuel Agraso conseguiu os seus primeiros puntos na categoría.
Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro. “A pouca intensidade defensiva durante todo o partido fixo que non tiveramos opcións de competilo. A falta de acerto contra a defensa en zona do equipo de Navia e o dominio do rebote no equipo local, que lles permitía atacar ata tres veces no mesmo ataque, sacounos do partido”.
Volve tocar desprazamento a vindeira semana: Carballo.
O partido terá lugar o sábado 28 ás 17.15h no pavillón Vila de Noia.