Nin o Racing, que precisaba gañar os cinco partidos que lle quedaban para seguir teorizando sobre as posibilidades de entrar na fase de ascenso, nin Avilés, que quería rozar os teóricos 45 puntos que dan a salvación, cumpriron os obxectivos nun partido marcado polos erros e que rematou en empate a goles e a desilusión.
Santamaría, como Perico pola súa casa
Malia que o Racing gozou da súa primeira ocasión aos quince segundos, nun disparo de Álvaro Ramón desde a esquerda, que marchou desviado, non foi quen de ser ese equipo resolutivo co que se presentou ao torneo en agosto.
O equipo volveu mostrar as súas carencias na calidade de remate. Dominou ao Avilés, pero como se estivera metido nun bucle no que o fútbol é crear ocasións pero non rematalas.
O Avilés equilibrou o partido axiña e Quicala tomou a banda dereita coa comodidade de pasear á vontade polo corredor da súa casa.
A defensa verde é un exabrupto ao fútbol. Se o equipo non ten remate de gol, menos ten actitude defensiva. Na segunda chegada de Santamaría polo centro marcou o segundo gol en 22 minutos de xogo. A diferenza do primeiro, ao fío do cuarto de hora, neste caso non había por onde anulalo. Uzkudun gañou a banda esquerda coa pelota nos pés e o seu centro foi empurrado polo alto ariete visitante, que entrou na área cos centrais facéndolle corredor de honra.
Era o primeiro gol recibido por Lucas, que deixara en branco a meta da súa estrea ligueira en Lezama o domingo anterior. O Racing, tamén é certo, non se deixou ir. Ao equipo tamén lle falta fortuna. Atopou algún brillo en centros laterais nos que Nando, o meta realavilesino, deixou ver unhas veces carencias, e outras fortaleza nas saídas de puños.
Tamén o Racing reclamou como penalti unha agarrada de Eze a Álvaro. Curiosamente, o árbitro non o viu tras consultar o monitor.
Quicala mantivo a frecuencia de accións empequenecendo a Álvaro Ramón. Serviu un pase de gol a Uzkudun que este rematou mandando o coiro perto do pau, e logo fixo unha bicicleta que lle permitiu atopar ángulo de tiro, pero Lucas detivo o disparo.
O mellor do Racing quedou para o prolongamento, con Carmona de líder da defensa. Desviou un xute de Álvaro, tras o córner foi Nando quen salvou a cabezada de Chema, antes de ver como Uzkudun, nun despexe bombeado no que puido facer penalti sobre Jairo, mandou a pelota ao traveseiro. Finalmente, Carmona tivo unha segunda acción salvadora en tres minutos ao desviar un disparo de Pascu, que contemplaba o córner a cinco pasos do cuarto de circunferencia desde onde se sacou,
Golazo de Álvaro Ramón
O segundo tempo comezou con dominio racinguista, malia que a mellor ocasión foi de Ukudin. Santamaría galopou desde perto da súa propia área até a dos verdes conducindo a pelota, puxo un pase para que Uzkudun sentenciara o partido, pero o disparo foi salvado por Edgar diante da liña de gol.
Do perdón pasouse ao golazo de Álvaro Ramón a punto de cumprirse a hora. O lateral recolleu un balón rexeitado pola defensa e desde 30 metros converteu a pelota nun meteorito que entrou na portería a unha velocidade supersónica.
O Racing podía encamiñar o partido logo de pasar de 0 a 100 en 60 segundos. As substitucións non impediron que seguira tendo o control, pero no minuto 75, un mal despexe de Edgar foi tomado á carreira por Kevin, que tras verse sen ángulo na área mandou un pase paralelo á liña de gol que culminou Cueto dous minutos despois de entrar ao campo.
Tejera, cun remate alto e Fabio, cun xute desviado desde a media lúa, foron os primeiros que tentaron corrixir a inxusta desigualdade. Houbo que esperar ao minuto 89 para iso. Fabio centrou desde os tres cuartos, Escobar pasou cunha cabezada o balón a Álvaro e este, con outra, superou a Nando.
O Racing tentou no prolongamento obter o gol da vitoria, pero non o conseguiu e practicamente se despide de alcanzar a fase de ascenso. O Avilés, que tampouco logrou o obxectivo de gañar para rozar 45 puntos dos que fala a teoría da permanencia, deberá esperar ao partido contra o Guadalajara para certificala.
Ficha
DOMINGO 26/04/2026 (20,30) Campo: A MALATA (3.844)
RACING C. FERROL : 2 – R. AVILÉS IND. C.F. : 2 (0‑1)
RAC : Lucas; Mardones, Edgar, Chema (Saúl 72’), Álvaro Ramón; Fabio, Jairo (Concha 62’), Tejera (Dacosta 80’); Álvaro Juan (Escobar 62’), Álvaro, Pascu (Azael 72’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: Parera (g); Leal; Artetxe; Zalaya; Gorostidi; Azkune; Tavares).
AVI : Nando; Eze, Babin, Carmona, Osky (Raúl Rubio 74’); Quicala (Guzmán 66’), Adri Gómez, Kevin (Gete 89’), Cayarga; Santamaría (Cueto 74’), Uzkudun (Luis Alcalde 66’). Tre. Lolo Escobar. (Banco: Álvaro (g); Víctor; Grigore; Campabadal; Isi Ros; Rivera; Natalio).
Goles: 0-1 Santamaría 22’; 1-1 Álvaro Ramón 56’; 1-2 Cueto 76’; 2-2 Álvaro 88’.
Árbitro: Manrique Antequera (Andalucía). Auxiliares: Antolín Pérez e Aostri Durán. 4º árb.: Ibáñez Campo.
Disciplina: CA: Álvaro Juan 53’; Raúl Rubio 85’; Fabio 86’; Luis Alcalde 87’.
Observacións: O colexiado altera na acta a secuencia cronolóxica de tres feitos finais. Primeiro, ao minutar o cartón amarelo a Luis Alcalde no 89, o mesmo minuto no que indica correctamente a substitución de Gete por Kevin; despois, ao minutar o 2-2 nun absurdo 90+1, como se fora posterior a esa substitución. O 2-2 foi inmediatamente anterior á substitución e o cartón a Luis Alcalde produciuse pouco antes que o gol de Álvaro.
Foto: Experiencia contra experiencia: Álvaro fai un control anticipando a pegañenta marcaxe de Babin. © 21noticias.com