Tres anos da inauguración das Caldas: moito gasto, pechadas e sen futuro

Este sábado cúmprense tres anos da inauguración das Caldas do Miño, unha das actuacións impulsadas polo goberno local con fondos europeos e que, a día de hoxe,  está pechada sen data próxima de apertura. Desde o Grupo Popular preguntámonos: que vai pasar con esta infraestrutura?. Abrirá como dixeron para o mes de maio, por canto tempo?

Trátase dun proxecto do PSOE no que se investiron arredor de 1,4 millóns de euros e que se anunciou como unha instalación aberta os 365 días do ano, pero que acabou converténdose nun exemplo de infraestrutura infrautilizada e sen rumbo.

Ao longo destes tres anos, o uso das Caldas estivo marcado por peches prolongados e reaperturas intermitentes, evidenciando fallos na planificación, no control e no mantemento. Ademais, cando está en funcionamento, supón un custo mensual de máis de 27.000 euros, sen que exista continuidade no servizo nin un modelo claro de xestión.

Os populares alertan de que non hai nin calendario nin plan de futuro, e advirten de que esta situación non é un caso illado. “Estamos a ver como proxectos financiados con fondos europeos acaban pechados ou sen uso. O mesmo está a ocorrer co carril bici,  que non ten uso pero que o propio Plan de Mobilidade, aprobado polo PSOE e o BNG; insiste en amplialo”.

“Se o PMUS prevé cuadriplicar este modelo, é lóxico que haxa preocupación entre os lucenses”.

Desde o PP insisten en que “xa non estamos só ante un problema de xestión, senón tamén de concepto: vendéronse como caldas de auga mineromedicinal cando funcionan con auga da traída e, tres anos despois, seguen sen cumprir a función para a que foron creadas”.

En xaneiro o Grupo Municipal propuxo reorientar proxectos fracasados como este de as Caldas do Miño manifestando que se debían estudar alternativas compatibles coa normativa europea, e así evitar que continúen sendo un espazo infrautilizado e custoso para a veciñanza.

Dende o PP reclaman planificación, transparencia e responsabilidade no uso dos fondos públicos: “Non se pode seguir facendo proxectos sen garantir o seu funcionamento real nin o seu aproveitamento pola cidadanía”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios