O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a primeira Estratexia Galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa, aprobada no Consello da Xunta, mobilizará arredor de 900 millóns de euros ata o ano 2030. Este investimento, froito da colaboración público-privada, permitirá impulsar e crear máis dun cento de novas empresas no sector ou transformar substancialmente as xa existentes.
Rueda salientou que nos vindeiros anos se incrementarán as necesidades en seguridade e defensa, convertendo o sector aeroespacial nunha vía estratéxica para que industrias galegas xa consolidadas, como o naval, a automoción, a loxística ou o metal, poidan diversificar e intensificar a súa actividade.
A Iniciativa Estratéxica, cunha dotación inicial da Xunta de 183 millóns de euros, sustentarase en tres grandes programas de investimento e 21 actuacións específicas. O Goberno galego, tras a proposta da Consellería de Economía e Industria, aposta por unha folla de ruta ambiciosa para o período 2025-2030, centrada no crecemento empresarial, na atracción de novos investimentos e na xeración de emprego de alta cualificación.
Esta estratexia representa un paso adiante na consolidación do sector aeroespacial, que a Xunta xa vén impulsando dende 2015 coa Civil UAV Initiative. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que esta iniciativa é «unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade«.
A Xunta compromete así un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo actual, e outros sectores interesados en reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia. A comunidade posúe as capacidades necesarias para asumir a fabricación do 75% das tipoloxías de compoñentes e servizos que require este ámbito.
Ademais, esta nova iniciativa aliñase coas políticas e plans da Unión Europea, situando a Galicia no pulo das oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no actual contexto sociopolítico, á vez que se reforza a posición da rexión a nivel nacional e internacional.
5 obxectivos e 3 programas de investimento para unha Galicia punteira
A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os vindeiros cinco anos:
- Impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das existentes no ámbito do aeroespazo, a seguridade e a defensa. Galicia xa conta con 115 centros de traballo dedicados ao sector, cifra que podería aumentar coas 150 empresas con potencial para incorporarse.
- Diversificar a produción das industrias xa operativas, fomentando a transición entre sectores.
- Materializar novos investimentos industriais con centros de produción en Galicia.
- Fortalecer as capacidades produtivas do territorio, facilitando o acceso a capital, infraestruturas e traballadores cualificados.
- Liderar as novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta como goberno emprendedor e exemplo na colaboración público-privada.
Así mesmo, defínense tres programas de investimento clave:
- Programa Ecosistema (84 M€): Busca tecer alianzas con socios estratéxicos e tecnolóxicos a través de «Acordos de Asociación» (como os xa existentes con Telespazio, Avincis, Airbus ou Aertec-Tecnobit). Preténdese conseguir catro novos contratos para fomentar o crecemento conxunto e a aposta pola creación de tecnoloxía e o investimento industrial. Inclúe tamén a creación de consorcios (aspírase a impulsar cinco) para proxectos de grande envergadura, con apoio específico a través da Oficina Económica do Igape ou axudas directas.
- Programa de Incorporación e Consolidación (34 M€): Apoiará novas empresas e consolidará as existentes, ou facilitará a incorporación de compañías doutros sectores. Ofrecerá apoio económico para financiar a innovación, a obtención de certificacións e actividades de transformación, ademais de asesoramento especializado mediante unha nova unidade na Oficina Económica do Igape.
- Programa para Investimentos Dúales (65 M€): O seu eixo principal é a creación dun fondo de investimento en tecnoloxías dúales para empresas con centros de traballo en Galicia, dotado con 40 millóns de euros (aspirando a mobilizar cifras similares de entidades financeiras e outros investidores). Centrarase en apoiar o crecemento das empresas galegas, evitando riscos de deslocalización ou venda temperá, e na adquisición de solucións innovadoras para retos de seguridade e eficiencia nos servizos da Xunta. Este programa completarase con outras actuacións como a atracción de investimentos, a oferta de solo industrial e axudas á innovación.
A Xunta de Galicia abrirá proximamente un diálogo estratéxico coa industria do aeroespazo, a seguridade e a defensa para coñecer as súas necesidades e plans de investimento a curto, medio e longo prazo, servindo como punto de partida para a execución desta ambiciosa Iniciativa.»