O depuatdo do BNG cualifica Feixoo de ‘hipócrita’ por apoiar a agresión militar dos EUA e Israel contra o Irán e agora reclamar medidas para beneficiar as grandes empresas enerxéticas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, intervén durante a comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para urxir o Goberno a aprobar medidas urxentes e suficientes que permitan paliar as consecuencias que está a provocar a guerra imperialista no Irán e no Líbano. Rego denuncia o ataque militar dos Estados Unidos e Israel contra o Irán e cualifícao como un “acto de guerra inxustificábel”.
Rego sinala que a escalada bélica após o ataque dos Estados Unidos e o Estado xenocida de Israel contra o Irán agrava a inestabilidade global e subliña que “xa está a ter consecuencias económicas e sociais directas sobre a Galiza e as maiorías sociais”.
Medidas do BNG para facer frente á crise: Protexer Galiza e as maiorías sociais
“Señor Sánchez, pouco ou nada falou vostede de medidas. Ao BNG preocúpanos constatar que, máis unha vez, van ser insuficientes. Aínda poden e deben rectificar” sinala o deputado do BNG no Congreso durante a comparecencia, convidando o Presidente a aprobar medidas que a organización nacionalista xa trasladou ao executivo.
Para o BNG, explica Rego, a prioridade é protexer Galiza e as maiorías sociais polo que urxe o Goberno a que adopte novas medidas cantos antes, a comezar por “aquelas que xa se teñen demostrado máis eficaces: topes aos prezos dos combustíbeis, de produtos e servizos básicos, de hipotecas e alugueres; unha nova política tributaria con impostos á banca, ás grandes fortunas e ás empresas enerxéticas, actualizar as pensións mínimas ou o salario mínimo, así como levantar as regras fiscais”.
Un papel activo do Estado español e cumprir co “Non á Guerra”
O deputado nacionalista valora que o Presidente do Goberno “levante agora a bandeira do Non á Guerra” mais reclama unha “coherencia real” nesa posición: “non é coherente erguer esa bandeira e, ao mesmo tempo, continuar aumentando exponencialmente o gasto militar, continuar na OTAN, manter as bases militares americanas, facer apoloxía do militarismo -como farán no próximo 30 de maio en Vigo- e non denunciar o bloqueo criminal a que os EUA están aplicando a Cuba”.
“Defender a vida e a humanidade é situarse con coherencia na trincheira do antiimperialismo e consecuentemente no antimilitarismo e na defensa de políticas de Paz, como fai o BNG” salienta Néstor Rego durante a comparecencia.
Ante esta situación, reclama ao Estado español un papel activo para frear a agresión israelí en Palestina e no Líbano, avanzar no recoñecemento efectivo do Estado palestino, denunciar o bloqueo a Cuba e axudala, así como defender a soberanía dos pobos frente ás inxerencias.
Un Estados Unidos en decadencia e un PP que aplaude os ataques
Durante a súa intervención, Néstor Rego contextualiza o conflito actual nun escenario global marcado polo declive da hexemonía estadounidense. “Hoxe os Estados Unidos son un imperio en decadencia que se resiste a perder a hexemonía económica, política e militar que mantivo de forma clara durante décadas, frente á emerxencia dun novo mundo multipolar” afirma.
Así mesmo, o deputado do BNG carga con dureza contra o Partido Popular ao que acusa de apoiar a escalada bélica e cualificaos de “hipócritas”. “Hoxe, señor Feixóo, subiu aquí a dicir Non á Guerra mais vostede aplaudiu o ataque dos EUA e Israel contra o Irán e alentou xa previamente esa posibilidade” denuncia.
Por último, sinala que as propostas do PP non buscan protexer a maioría social: “son, con certeza, lágrimas de crocodilo, porque as medidas que están a defender non son para protexer as clases populares, son para defender as grandes empresas amigas”.