A coruñesa María Peinado Casal gaña o VIII Premio Laudamuco para textos teatrais coa súa obra “Maseira”

O xurado salienta “o seu carácter antibelicista, a súa orixinalidade, temática, uso da lingua e estrutura teatral”.

A coruñesa, residente en Lalín, María Peinado Casal é a gañadora da oitava edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. A dramaturga coruñesa concorreu ao certame baixo o pseudónimo “Shelley Duvall” e coa obra «Maseira”, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

O xurado estivo composto por María Cristina Domínguez Dapena, María Torres Fernández, Roberto Pascual Rodríguez, María Ángeles Cuña Bóveda e Manuel Gestoso González, quen actuou como secretario. Despois de valorar os 46 textos presentados ao certame, decidiu escoller como vencedora a obra titulada “Maseira”. 

O xurado destacou da obra premiada “a súa orixinalidade, temática, uso da lingua e estrutura teatral”. Así mesmo, salientou que “outorga o premio a esta obra pola súa frescura e orixinalidade” e subliña “o uso dun humor tendente ao absurdo que define un estilo propio e envolvente”. Saliéntase igualmente “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, o que permite unha lectura crítica e aberta. A narración constrúe un certeiro retrato dun mundo apocalíptico que conecta directamente coa realidade que vivimos no presente: a proposta sitúase en sintonía coa actualidade internacional, pero mantense ben asentada na realidade galega”.

Autora

María Peinado, titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e formada en Filoloxía Inglesa na UdC e na Universidade de Nottingham Trent, no Reino Unido. O seu labor como directora e dramaturga lévaa a acadar o Premio María Casares 2020 á Mellor Dirección por “O meu mundo non é deste reino”, de Teatro da Ramboia; obra que estrea en 2019 e pola que recibe tamén o Premio María Casares 2020 á Mellor Adaptación.

Nese mesmo ano realiza a Dirección de Escena da primeira ópera bufa en galego, “O loro de Carlos V”. No 2021 realiza a dramaturxia e dirección de “Noite de Reis no Planetario” para o Concello de Ourense. En 2023 escribe e dirixe a obra “E entón, un xardín”, da compañía Paporrubio. No 2024 estrea con A Ramboia o espectáculo “Un tal Romeo”, onde está ao cargo da dirección, dramaturxia e dirección artística.

Gañadores

O acto de entrega do galardón está previsto para sábado 16 de maio na sala municipal de exposicións de Brión, momento no que María Peinado sumará o seu nome ao palmarés do Premio Laudamuco xunto a Vicente Piñeiro, Paula Carballeira Cabana, Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans, Xavier Lama López, José Luís Baños de Cos e Julio Fernández Peláez e Alberto Casso Basterrechea, gañadores das edicións anteriores. 

Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021), na teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022), o lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico!” (2023) e o gaditano José Luís Baños de Cos por “A porta. Un relato de violencia” (2024) e o zamorano Julio Fernández Peláez e o madrileño Alberto de Casso por “Vento mareiro non dá voltas (2025).

Comparte éste artículo
No hay comentarios