ADEGA vén de presentar alegacións ao proxecto que pretende estender a vida útil da balsa de lamas vermellas de ALCOA en Xove até máis aló do ano 2033. Outro proxecto de recrecemento até a cota 104 e aprobado en 2005 aínda está en execución, e a empresa xa pretende amplialo outros 6 metros máis, até a cota 106. Unha fuxida cara adiante que mantén a «espada de Damocles» da balsa sobre toda a Mariña case unha década máis.
Unha historia de sucesivas ampliacións que reflicte unha continua falla de previsión da empresa
Ao longo da vida desta instalación producíronse diversos recrecementos (1986, 1995) froito das «necesidades do proceso produtivo». Outro presentado en 2004 e autorizado en 2006 elevaba diques principais e de cola até a cota 100 para permitir o depósito de lamas vermellas até a cota 99. Segundo a empresa, isto permitiría continuar a verter refugallos mineiros por outros 25 anos máis (dende 2004), isto é, até o ano 2029 ou 2030. Sen ter concluída aquela ampliación, en 2021 presentouse outro proxecto de recrecemento que foi autorizado pola Xunta en 2025 para elevar os diques até a cota 104 e permitir acumular lamas até a cota 103. Novamente a empresa aduciu que pretendía alongar a vida útil do depósito até mediados do ano 2029.
E co presente proxecto, Alúmina Española pretende, sen ter rematado aínda o recrecemento autorizado en 2025, estender a vida útil do depósito outros 4 anos e medio máis. Cómpre ter pois en consideración que a xustificación da empresa para desenvolver o actual proxecto, como tamén acontecera cos autorizados en 2006 e 2025, foron unhas necesidades de produción que estimaron erroneamente, e en xeral moi á baixa, o volume de lamas vermellas xerado.
Cambio na consideración da perigosidade dos residuos e na categoría da balsa mineira
Ao longo da tramitación do proxecto de recrecemento da balsa até a cota 104, actualmente en execución, e segundo recolleu DIA emitida en outubro de 2024, produciuse un cambio das propiedades do residuo almacenado na balsa, que pasou a ser considerado como HPO4 (irritante) e HPO8 (corrosivo). Este feito supuxo unha nova caracterización das lamas vermellas como residuo, que pasaron a ser LER-01 03 10* (Lodos rojos procedentes de la producción de alúmina que contienen sustancias peligrosas distintos de los residuos mencionados en el código 01 03 07), isto é, residuos perigosos.
En consecuencia, tívose que modificar tanto Plan de emerxencia interior como o Plan de emerxencia exterior, e a balsa para o depósito das lamas pasou a considerarse unha instalación de “Categoría A” (RD 975/2009).
Con anterioridade a 2020, as plantas de produción de alúmina (na que se insire a balsa de lamas vermellas como instalacion auxiliar) e a de aluminio contaban con senllas e distintas autorizacións ambientais integradas (AAI). A partir de 2020, a Direccioìn Xeral de Calidad Ambiental e Cambio Climaìtico resolveu integrar ambas autorizacións nunha uìnica AAI para todo complexo industrial-mineiro (código AAI 2020-IPPC-110-331).
Xa que logo o complexo de ALCOA en Xove, que inclúe as factorías de aluminio, alúmina e o depósito de lamas vermellas, opera dende 2020 cunha AAI única, que aínda considera os residuos «non perigosos» e a balsa mineira como unha instalación «non de Categoría A» e, portanto, de menor risco. En función desta AAI establecéronse os limiares de contaminantes e os controis da estabilidade e vixilancia da balsa. Agora ALCOA pretende seguir ampliando e enchendo a balsa cunha AAI desfasada, que non reflicte a verdadeira natureza dos residuos nin a perigosidade da balsa.
As demandas de ADEGA: pechar a balsa xa e revisar de oficio a AAI
Nas súas alegacións, ADEGA esixe á Xunta que non autorice este novo recrecido e obrigue a ALCOA a pechar o depósito, selalo e clausuralo cando o enchido acade a cota 104 m. Demanda tamén da Xunta que revise de oficio da Autorización Ambiental Integrada (AAI) no que atinxe á xestión e control das lamas vermellas, dada a actual consideración destes refugallos como residuos tóxicos e perigosos (código LER-01 03 10*). En particular, deberían revisarse os limiares dos parámetros de contaminantes, especialmente Fluoruros, nos efluentes producidos no actual proceso de obtención de alúmina e no depósito de lamas.
Non é de recibo que a planta de alúmina, co seu depósito de lamas asociado, estean operando cunha AAI obsoleta e moi permisiva que segue sen considerar como tóxicos estes refugallos nin a balsa como de Categoría A.