A Deputación de Lugo reafirma o seu apoio a esta cita histórica, que combina a excelencia gastronómica coas raíces culturais do Camiño.
A vila de Portomarín viviu este domingo o momento culminante da súa 54ª Festa da Augardente, unha das celebracións gastronómicas máis lonxevas e emblemáticas da provincia. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deutado Iván Castro e outras personalidades locais e provinciais acompañou aos veciños e visitantes nesta última xornada para poñer en valor unha tradición que define a identidade da zona.
O acto central do domingo estivo marcado pola solemnidade e o recoñecemento. García Porto asistiu á recepción dos novos cabaleiros e damas que este ano ingresaron na Orde Serenísima da Alquitara, a institución encargada de velar polo prestixio do destilado local.
O pregón desta edición correu a cargo de Esteban Ramón Pérez López, veciño da localidade, quen emocionou aos asistentes con cadansúa reivindicación do patrimonio humano e cultural de Portomarín.
A fin de semana ofreceu un abano completo de actividades que converteron a vila nun punto de encontro ineludible:
- Gastronomía: Degustacións da tradicional anguía e, por suposto, as demostracións de destilado en directo.
- Deporte e Cultura: A celebración da carreira popular e as solemnes procesións.
- Música: Actuacións que amenizaron as rúas durante os dous días de feira.
Impulso institucional
A Deputación de Lugo colabora activamente na organización do evento a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos. Este ano, a institución provincial destinou unha achega de 6.000 euros co obxectivo de fomentar o turismo e dinamizar a economía local mediante a promoción dos seus produtos estrela.
Co peche desta 54ª edición, Portomarín demostra unha vez máis que a súa augardente non é só un produto, senón o motor dunha festa que sabe conxugar a devoción pola tradición coa apertura a novos visitantes.