A voceira do Grupo Municipal do PP, Elena Candia, avanzou que “imos impulsar unha iniciativa para que todas as administracións —Xunta, Deputación e Concello— traballen de maneira coordinada coa Xunta de Confrarías para acadar a declaración da Semana Santa de Lugo como Festa de Interese Turístico Nacional”.
Candia puxo en valor que “Lugo ten unha Semana Santa con identidade propia, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2018, e que medrou grazas ao compromiso das confrarías e á implicación de moitas persoas que, ano tras ano, manteñen viva esta tradición”.
A popular quixo tamén “recoñecer e agradecer o traballo de todo o persoal municipal que fai posible o bo desenvolvemento destes días, contribuíndo a que Lugo ofreza a súa mellor imaxe”. “A Semana Santa é unha das nosas singularidades e temos o deber de mantela viva” agradecendo “o traballo da Xunta de Confrarías, así como a implicación de centos de lucenses que ano tras ano fan posible o éxito das actividades programadas”
Neste sentido, engadiu que “esta declaración encaixa co modelo de cidade que defendemos: poñer en valor o noso, o auténtico, como recurso turístico e cultural”.
“Cada cidade debe reivindicar o seu, coidalo e reforzalo. A Semana Santa é unha das nosas singularidades e temos o deber de mantela viva”, subliñou.
“El obxectivo agora é dar un paso máis”, sinalou, “sumar esforzos entre todas as administracións e acompañar á Xunta de Confrarías para conseguir un recoñecemento que Lugo merece”.
“Cando hai colaboración e un obxectivo común, os resultados chegan. E neste caso, falamos de poñer en valor unha das nosas tradicións máis importantes e de seguir impulsando Lugo tamén dende o punto de vista cultural e turístico”, concluíu.