A Oficina de Turismo de Monterrei pecha o período festivo de Semana Santa cun balance altamente satisfactorio. Un total de 1.187 persoas foron atendidas nas instalacións municipais, unha cifra que confirma o magnetismo da fortaleza incluso co castelo pechado ao público por mor das obras de mellora.
O interese polo conxunto histórico transcendeu fronteiras esta campaña. Entre as visitas máis simbólicas destaca a dunha muller natural de Monterrey (México), cuxa presenza serviu para estreitar os vínculos históricos que unen a ambas localidades. Así mesmo, o carácter transfronteirizo do xeodestino Verín-Monterrei quedou patente coa fidelidade dunha familia portuguesa que, como manda a súa tradición, escolleu de novo a vila para celebrar o Sábado de Pascua.
O perfil do visitante foi maioritariamente familiar, atraído por un trinomio que gaña forza: patrimonio, termalismo e enoturismo. Ademais, o auxe do turismo de caravanas e o incremento de peregrinos —cunha destacada presenza internacional, como o caso dunha camiñante francesa e o seu can— reafirman a Monterrei como unha parada estratéxica nas rutas europeas e no Camiño de Santiago.
Dende a Oficina de Turismo agradeceron a confianza dos visitantes, moitos dos cales manifestaron o seu desexo de retornar proximamente para descubrir o interior da fortaleza unha vez rematadas as obras.