Luis Menor inaugurou o Centro Integral de Loita contra o Lume en Toén  

por Redacción Ourense

O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do edificio administrativo e de formación do novo Centro Integral de Loita contra o Lume, situado nas instalacións do que fora o antigo hospital de Toén. Un acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde de Toén, Ricardo González; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, alcaldes da provincia e veciños de Toén. 

Na súa intervención, Luis Menor destacou que este era un día moi importante para Galicia, pero tamén para a provincia de Ourense, ademais de ser unha data sinalada para o servizo contra incendios de Galicia, que naceu a principios dos anos noventa como resposta a esta lacra dos lumes forestais. 

“Hoxe –apuntou- damos un novo salto poñendo en marcha un proxecto que non ten similitude en España, tampouco en Europa e seguramente que escasos exemplos no mundo, e facémolo en Ourense como provincia máis castigada polos incendios”. 

Incidiu Luis Menor en que este novo Centro Integral de Loita contra o Lume vai ser toda unha referencia no seu ámbito, pero tamén a demostración de como se poden recuperar unhas antigas instalacións abandonadas “que pasan de ser un problema para converterse nun emblema”. 

Como presidente da Deputación, comprometeu a implicación directa co este proxecto, desvelando que “hoxe mesmo empezamos a falar xa de formación para os nosos traballadores”. A provincia de Ourense, engadiu, necesita investimentos e apostas estratéxicas “que teñen neste centro a súa mellor representación”, polo que agradeceu a aposta da Xunta de Galicia “polo noso territorio para situar este centro”, a iniciativa do conselleiro de Medio Rural para a súa execución e ao alcalde de Toén por contribuír a que se fixera realidade. 

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario