Néstor Rego e Carme da Silva reclaman ao Goberno unha actuación proactiva, coordinación internacional e apoio firme á misión humanitaria e á libre navegación.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama ao Goberno do Estado a adopción inmediata de medidas preventivas e unha actuación firme e decidida para garantir a seguranza e o respecto á liberdade de navegación da nova misión da Flotilla a Gaza impulsada pola rede internacional Global Sumud, que partirá o vindeiro 12 de abril desde o porto de Barcelona, onde participarán seis representantes da Galiza – Global Sumud Flotilla.
A iniciativa prodúcese após a reunión mantida entre representantes do BNG e membros da delegación galega da Global Sumud, da que formarán parte seis integrantes da Galiza nesta nova misión civil, pacífica e humanitaria que ten como obxectivo romper o bloqueo ilegal imposto polo Estado xenocida de Israel e levar axuda humanitaria, sanitaria e educativa á faixa de Gaza.
O BNG denuncia que, de maneira reiterada, as anteriores expedicións da Flotilla foron obxecto de ataques, asaltos e accións violentas por parte de Israel, que incluíron agresións, detencións ilegais e mesmo secuestros das persoas participantes. Por iso, a formación nacionalista considera “imprescindíbel” que o executivo abandone a súa “actitude pasiva” e actúe con antelación suficiente para evitar que estes feitos se repitan.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno “activar todos os mecanismos diplomáticos e políticos necesarios desde antes da saída das embarcacións para garantir o cumprimento do dereito internacional e a libre navegación en augas internacionais”. Neste sentido, exixe que se adopten medidas concretas para impedir novas agresións extraterritoriais e asegurar que a misión humanitaria poida desenvolver o seu labor con total seguranza.
Pola súa parte, a senadora do BNG, Carme da Silva, demanda ao executivo “estabelecerunha canle de comunicación permanente coa Flotilla desde o mesmo momento da súa partida, garantindo asistencia e seguimento continuo durante toda a misión”. Ademais, insiste na necesidade de mudar os protocolos actuais para asegurar unha resposta inmediata ante calquera incidente.
O BNG tamén incide na necesidade de ter unha actuación proactiva por parte do Goberno, que inclúa o estabelecemento previo de contactos coas distintas delegacións internacionais participantes na Global Sumud, así como a posta en marcha de mecanismos de coordinación e seguimento permanentes.
“Débense emprender accións diplomáticas contundentes para obrigar o Estado xenocidade Israel a respectar o Dereito Internacional, en particular o dereito á libre navegación, e a garantir a integridade das embarcacións e das persoas participantes, evitando calquera tipo de ataque, bombardeo, asalto ou secuestro” afirma a organización nacionalista.
Do mesmo xeito, Néstor Rego considera fundamental que o Goberno contacte e coordine actuacións con outros gobernos para defender de maneira conxunta esta misión humanitaria e asegurar o respecto ao dereito internacional.
Por todo isto, o BNG reclama que o Estado español dea un respaldo claro e inequívoco á acción pacífica da Global Sumud, manteña unha interlocución directa coa delegación galega e exerza toda a presión política e diplomática necesaria para garantir a seguranzada Flotilla e avanzar cara a unha Palestina libre e en paz.