O PP pide a PSOE e BNG estudar a incorporación do Museo da Prehistoria de Vilalba á Rede Museística Provincial para reabrilo e garantir o seu futuro

Antonio Ameijide lamenta que  “este museo leve anos pechado pola mala xestión” do Concello de Vilalba un espazo cultural “de referencia” que alberga unha importante colección arqueolóxica de gran valor que non podemos desfrutar os lucenses e quen nos visita”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron o Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba xunto a membros do Partido Popular vilalbés, unha visita na que puideron comprobar de primeira man a situación desta instalación cultural que leva varios anos pechada e que, a día de hoxe, continúa sen unha solución que permita recuperar a súa actividade.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que a Deputación debería estudar a posible incorporación deste museo á Rede Museística Provincial. “Falamos dunha instalación que conta con importantes fondos, cun valor moi alto para coñecer e divulgar a historia máis antiga de Galicia”, destacou.

O Museo da Prehistoria de Vilalba conta cunha colección de gran relevancia, con materiais que abranguen desde o Paleolítico ata a época romana. Entre os seus fondos destacan pezas relacionadas coas primeiras ocupacións humanas en Galicia, así como materiais arqueolóxicos procedentes de diferentes xacementos e escavacións.

Antonio Ameijide considera que non se pode “manter pechado por máis tempo” este museo, mentres “un importante legado histórico permanece sen poder ser visitado pola veciñanza, polos investigadores e por calquera persoa que se achega a Vilalba”.

Entre as deficiencias que provocaron o peche deste museo están a falta de persoal, as deficiencias das instalacións ou as dificultades derivadas do seu modelo de xestión, articulado arredor dun padroado.

Neste senso, dende o PP de Vilalba destacan que “dende o propio Concello de Vilalba recoñeceu a necesidade de buscar unha nova fórmula para a súa xestión, un paso imprescindible para poder definir o futuro da institución” polo que “a posible integración na rede provincial podería ser a mellor fórmula para poder recuperar un museo de gran importancia para o municipio e para a provincia”.

Esta situación é tamén un exemplo da necesidade de impulsar un cambio na forma de facer política, tanto no ámbito local como no nacional. Un cambio que España necesita e que representa Alberto Núñez Feijóo, cun proxecto centrado na xestión, na responsabilidade e na capacidade de ofrecer solucións aos problemas reais dos cidadáns.

Por este motivo, os deputados do Grupo Provincial Popular pedirán ao goberno de PSOE e BNG que estuden a posible incorporación deste museo á rede provincial xa que “neste caso a Deputación pode desempeñar un papel moi importante na procura dunha solución para estas instalacións”.

Dende o PP de Vilalba destacan que “para poder desfrutar de novo deste museo, sería interesante que a Deputación de Lugo estudara a súa adhesión á Rede Museística Provincial”. Neste senso, sinalaron que “nós xa defendemos no pleno municipal que o goberno local realizase os trámites necesarios ante a Deputación para acadar este extremo, pero, polo de agora, todo apuntaa que nada fixeron”.

Os populares sinalan que “non podemos permitir que este museo siga máis tempo pechado. Conta con importantes contidos que todos debemos de poder coñecer, polo que non é de recibo que siga pechado mentres os goberno de Concello e Deputación miran cara outro lado”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios