Mentres a Xunta de Galicia parece empeñada en aplicar a técnica do «ilusionismo» coas horas de apertura dos Puntos de Atención Continuada (PAC), UCIN Galicia decidiu poñer as cartas sobre a mesa. O seu coordinador, José Luis Calo, instou hoxe ao Goberno autonómico a abandonar os «parches» e rectificar un plan que ameaza con deixar ás zonas rurais en modo de espera permanente.
Desde a formación alertan de que a «reorganización» do SERGAS afectará a uns 30 PAC, unha cifra que para UCIN non é máis que un «recorte encuberto» que crea galegos de primeira e de segunda clase dependendo do seu código postal.
«Reducir horarios nos PAC non é xestión, é pasarle a pataca quente á cidadanía. O rural galego non pode ser o que sempre pague a falta de luces na planificación de Santiago», afirmou Calo.
A proposta de UCIN Galicia non se queda na crítica, senón que lanza un reto directo á administración para atopar financiamento onde outros non queren mirar. O plan estrutúrase en tres eixos que buscan a eficiencia que, por agora, brilla pola súa ausencia:
- UCIN propón unha auditoría seria de entes instrumentais e a eliminación de duplicidades administrativas. O obxectivo: recuperar 20 millóns de euros hoxe perdidos en burocracia para inyectalos directamente na sanidade.
- Para que as prazas de difícil cobertura deixen de ser o «castigo» do sistema, UCIN reclama melloras laborais reais e programas de captación para que os médicos novos non vexan o rural como un deserto profesional.
- A telemedicina debe ser un apoio, non unha escusa para botar a chave ao PAC. UCIN esixe o mantemento íntegro dos horarios e equipos móbiles que se movan máis que os expedientes administrativos.
José Luis Calo foi tallante ao solicitar unha mesa de traballo con profesionais e pacientes para saír do «bucle» de parches temporais. Para UCIN, a sanidade non se xestiona con folla de cálculo desde un despacho climatizado en San Caetano, senón escoitando a realidade dun territorio disperso que se está quedando sen mans que o atendan.
«Hai marxe para mellorar a xestión sen recortar dereitos, o único que falta é vontade política de deixar de mirar para outro lado», concluíu o coordinador galego.