O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego Candamil, reclama ao Goberno do Estado que free calquera intento de privatización da escola infantil da Delegación de Facenda na Coruña e adopte as medidas necesarias para garantir a súa continuidade como servizo público.
A escola infantil, situada no edificio da Delegación Especial da AEAT, no Orzán, é un centro público dependente do Ministerio de Facenda que conta con 30 prazas para crianzas de 0 a 3 anos. Na actualidade, porén, só dispón de 15 matrículas e un cadro de persoal reducido a tres coidadoras, o que obrigou á agrupación de aulas coa autorización da Xunta da Galiza.
O deputado do BNG denuncia que a falta de persoal responde a unha deficiente planificación por parte do Ministerio, que mantén un sistema centralizado de listas de substitución desde Madrid, “totalmente alleo á realidade galega e que dificulta gravemente a cobertura de baixas, permisos ou vacantes”. Esta situación, segundo subliña Néstor Rego Candamil, “está a ser utilizada como escusa para avanzar nun proceso de privatización que o BNG considera inaceptábel”.
Neste sentido, o deputado nacionalista exixe ao Goberno clarificar de inmediato cales son as súas previsións para o centro e que faga públicas as necesidades reais de persoal trasladadas pola propia Delegación da Coruña. “É imprescindíbel actuar con transparencia e responsabilidade, garantindo os recursos humanos necesarios para o correcto funcionamento da escola” afirma.
O BNG, ademais, reclama a convocatoria urxente de emprego público suficiente para cubrir as prazas, tanto nesta escola como no conxunto das centros infantís dependentes do Ministerio de Facenda, así como a creación de listas de substitución de ámbito. “Non é admisíbel que se obrigue ao persoal a desprazarse centos de quilómetros para cubrir substitucións de poucos días, unha situación que na práctica non incentiva a cobertura e precariza o servizo” denuncia Rego Candamil
Do mesmo xeito, a organización nacionalista lembra que existen mecanismos legais para facer fronte á falta de persoal sen recorrer á privatización, polo que insta o executivo estatal a empregalos de maneira inmediata.
Por todo isto, o deputado do BNG demanda ao Goberno do Estado garantir de forma explícita que non se producirá a privatización da escola infantil da Delegación de Facenda da Coruña e adoptar as medidas necesarias para asegurar a súa viabilidade e continuidade como servizo público de calidade.