A Consellería do Mar publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establece o novo baremo aplicable á valoración das solicitudes para a obtención do permiso de explotación para o marisqueo a pé, e que substituirá ao aprobado no ano 2013.
Esta actuación enmárcase no exercicio das competencias atribuídas á Consellería do Mar e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro en materia de ordenación do marisqueo, establecemento das condicións para o exercicio da actividade e xestión sustentable dos recursos mariños, de conformidade co disposto no Decreto 50/2021, do 11 de marzo.
A resolución, que responde á demanda do sector e basease na experiencia acumulada na aplicación dos baremos anteriores, ten por finalidade facililtar o procedemento de valoración das solicitudes, incrementando a súa obxectividade e eficiencia administrativa, así como reducir a incidencia de situacións de empate que obriguen a realizar sorteos entre persoas solicitantes.
O novo baremo será de aplicación cando o número de solicitudes supere o de prazas ofertadas, mantendo un sistema de concorrencia competitiva baseado na valoración de méritos e en función dos seguintes bloques: situación de desemprego ou mellora de emprego debidamente acreditada; formación e titulación académica, así como actividades formativas relacionadas co ámbito marítimo-pesqueiro, xestión dos recursos mariños, economía azul, seguridade alimentaria, emprendemento e outras competencias profesionais; experiencia profesional e habilidades vinculadas á actividade marisqueira; empadroamento en concellos do ámbito das confrarías ou limítrofes.