Mensaxe de apoio, pero tamén de reivindicación tras un delito tan grave.
A Federación Ciclismo Galego quere trasladar todo o seu agarimo, apoio e proximidade á familia, amizades e compañeiros de Samuel González, que onte sufriu un atropelo de extrema gravidade mentres adestraba. Samuel é un deportista exemplar, un compañeiro querido e un referente para toda a nosa comunidade. Hoxe, o máis importante é a súa recuperación e acompañar a quen está ao seu carón nestes momentos tan difíciles.
Mais xunto a este apoio imprescindible, debemos alzar a voz con claridade.
O OCORRIDO NON É UN ACCIDENTE.
Cando un condutor circula triplicando a taxa de alcoholemia, ou o fai a velocidades incompatibles coa seguridade, non falamos de fatalidade: FALAMOS DUN DELITO. Un delito que pon en risco vidas inocentes e que, por desgraza, se repite con demasiada frecuencia nas nosas estradas.
O colectivo ciclista, xunto cos peóns e os motoristas, forma parte do grupo máis vulnerable da vía pública. E é tamén o que cada ano ve aumentar o número de vítimas. Non podemos seguir normalizando esta realidade. Non podemos aceptar que adestrar, desprazarse ou simplemente gozar da bicicleta supoña xogar coa vida.
Por iso esiximos ás administracións competentes máis controis, máis prevención, máis educación viaria e máis protección real para quen está máis exposto. A convivencia na estrada depende da responsabilidade de todos, pero especialmente de quen conduce vehículos capaces de causar danos irreparables.
Pedimos tamén á cidadanía que lembre algo esencial: a vida dun ciclista, dun peón ou dun motorista depende das decisións que se toman ao volante. Un só xesto irresponsable pode destruír familias, carreiras deportivas e comunidades enteiras.
Hoxe acompañamos a Samuel e aos seus.
Mañá seguiremos traballando para que ningún outro deportista teña que pasar polo mesmo
Fotografía de portada: Luz Iglesias