Investimento millonario en Lugo: luz verde á ampliación do IES Muralla Romana

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, informou hoxe dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a aprobación da licenza para a ampliación do IES Muralla Romana, unha actuación impulsada pola Xunta de Galicia cun orzamento de 1.609.930 euros.

A rexedora puxo en valor a importancia deste proxecto para seguir mellorando os equipamentos educativos da cidade e ofrecer máis e mellores servizos á comunidade escolar.

O obxectivo da obra é dar resposta ao incremento da matrícula de FP no centro e permitirá ampliar en case 900 m² a superficie do instituto. Para realizar esta actuación será necesario demoler unha edificación de 167 m² para levantar o novo volume, que terá unha superficie total de 892 m², dotado de planta baixa, primeira e segunda e conectado co edificio existente a través dun corredor en cada unha delas.

O novo edificio contará cunha escaleira para comunicar os tres niveis. A planta baixa estará dotada de dúas aulas de clase, dúas aulas de apoio, un departamento de profesores e unha sala de comunicacións, mentres que a primeira e a segunda terán tres aulas e un departamento de docentes cada unha.

A ampliación mantén a mesma linguaxe arquitectónica que o edificio actual, con fachada de dobre folla de ladrillo con acabado exterior mediante sistema de illamento térmico SATE, a cuberta na zona das aulas será a dúas augas e a conexión entre o edificio existente e o novo resólvese cunha cuberta plana.

Entre os expedientes urbanísticos aprobados figura tamén a licenza para a rehabilitación de apartamentos turísticos na rúa do Miño, cun investimento de 275.590 euros. Elena Candia destacou que este tipo de actuacións contribúen á recuperación e posta en valor do casco histórico, favorecendo ademais a dinamización económica e turística dunha zona emblemática da cidade.

A Xunta de Goberno Local aprobou igualmente a rectificación dun erro nunha licenza para a construción dun edificio de 37 vivendas na unidade de actuación CS-1.

No apartado de infraestruturas, adxudicáronse dúas obras: a contratación das obras de reforzo dos firmes na glorieta da Avenida Benigno Rivera coa Avenida Infanta Elena e nos tramos de conexión coa N-VI e a A-6. A actuación permitirá mellorar a seguridade viaria e solucionar os problemas de acumulación de auga nesta contorna do polígono do Ceao. (Canarga SL 123.450)

Tamén se aprobou unha actuación de mellora da pavimentación no núcleo de Castro de Conturiz-San Amaro, na parroquia de San André de Castro, finaciada no plan provincial de cooperación cos concellos correspondente ao ano 2025. (empresa adxudicataria Ovisa por un importe de 121.605 €)

Novo Norte

Outro dos asuntos abordados foi a aprobación da actualización da estrutura vinculada á xestión do proxecto Novo Norte para adaptala á nova organización municipal derivada do decreto de áreas aprobado polo actual Executivo local.

Esta modificación permitirá actualizar a composición e os responsables da unidade de xestión encargada do desenvolvemento do proxecto, así como continuar coa tramitación administrativa vinculada aos fondos europeos asociados ao plan.

Coa nova reorganización municipal procederase tamén á actualización dos documentos técnicos e administrativos necesarios para seguir avanzando na execución do Novo Norte e na xestión dos investimentos asociados.


Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato de subministro de combustible para a calefacción e os grupos electróxenos municipais á empresa Codisoil, por un importe de 47.249,88 euros.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que este servizo se viña aboando mediante reparos, unha situación que o actual Executivo local quere corrixir coa máxima prioridade posible.

Neste sentido, Candia incidiu en que o obxectivo é avanzar na normalización daqueles servizos e contratos que actualmente carecen de habilitación legal e cuxas facturasse están pagando con reparos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios