A expedición por Groenlandia e máis polo Atlántico Norte de dous alumnos do Campus Industrial de Ferrol, protagonista da última conferencia da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos

Convidados pola Universidade da Coruña e máis por Navantia, os estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF),Mariano Stinga González e Enrique Lagos Molíns, falarán da súa experiencia a bordo do barco de vela “Brown Bear”, o mércores 22 de abril, ás 18:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o mércores 22 de abril, ás 18:00 horas, o relatorio dos alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e tripulantes da expedición do barco de vela “Brown Bear” por Groenlandia e polo Atlántico Norte, Mariano StingaGonzález e Enrique Lagos Molíns. A súa intervención porá o broche de ouro ao Ciclo de Conferencias 2025/2026 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que promoven a Universidade da Coruña (UDC) e Navantia e que, nesta ocasión, se realiza en colaboración coa Fundación Exponav. 

Baixo o título Unha travesía no Ártico: do xeo ao océano aberto” os dous estudantes do Campus Industrial de Ferrol relatarán a súa experiencia como parte da tripulación do barco de vela “Brown Bear”, do armador Hugh Clay, entre o 18 de xullo e o 6 de setembro de 2025, logo de percorrer a costa oeste de Groenlandia e de cruzar o Océano Atlántico Norte ata chegar ao porto de Falmouth, en Cornualles (Inglaterra). Ademais de realizar todas as tarefas necesarias a bordo, os dous mozos documentaron toda a viaxe botando man dun dron e de varias cámaras fotográficas. 

Mariano Stinga González (Lanzarote, 2002) é graduado en Enxeñaría Mecánica pola Universidade da Coruña (UDC) e, na actualidade, cursa o máster en Enxeñaría Naval e Oceánica na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Pola súa banda, Enrique Lagos Molíns (Vigo, 2002) é alumno do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica neste mesmo centro do Campus Industrial de Ferrol. 

A conferencia poderá seguirse, de xeito presencial, ata completar o aforo, desde o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e, en liña, 

a través da páxina web https://www.catedracosmealvarez.com/conferencia-en-directo/.

Comparte éste artículo
No hay comentarios