O encontro reunirá na Coruña a persoas expertas en xénero, comunicación e tecnoloxía para abordar fenómenos como a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, a idealización da submisión feminina ou a violencia de xénero con IA.
A Deputación da Coruña organiza mañá xoves, 23 de abril, unha xornada centrada nas novas violencias machistas dixitais, no marco da súa campaña ‘De Fronte’, unha iniciativa orientada á prevención e á loita contra a violencia de xénero. A actividade terá lugar no Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) en horario de 9:30 a 19 horas e as persoas interesadas pódense inscribir de balde na web defronte.gal.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, subliña que esta xornada forma parte dun proxecto que naceu ao redor da conmemoración do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mais que hoxe é unha «estratexia comunitaria consolidada que se desenvolve ao longo de todo o ano» ao longo da provincia, tanto en concellos, coma centros de ensino e outras entidades.
Segundo a deputada, esta xornada responde á «preocupación» da Área de Igualdade «ante o avance dos discursos negacionistas e das correntes reaccionarias, fascistas, que pretenden disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida».
Análise, conversatorio e diálogo aberto
Programa da xornada
Baixo o título ‘Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado’, o programa desenvolverase en xornada de mañá e tarde en formato de conferencias e conversatorios, combinando análise experta e diálogo aberto, co obxectivo de compartir coñecemento, experiencias e propostas de acción.
Entre as persoas relatoras participantes atópanse especialistas de referencia nos ámbitos da comunicación, a socioloxía, a enxeñaría e os estudos de xénero, vidos de todo o Estado. A xornada distribúese en tres bloques:
— Bloque 1: Manosfera e plataformas. Contarase con Ferran Lalueza (UOC) e Asunción Bernárdez (UCM) para analizar como as plataformas dixitais se converteron nunha «barra libre» para a violencia machista e como opera a inversión ética nestes discursos de odio da manosfera. Haberá tamén un conversatorio aberto con Iria Vázquez (Uvigo) e Jorge García (USC).
— Bloque 2: O reto da intelixencia artificial. O profesor José Julio Fernández (USC) e expertas como Laura Castro, Teresa Piñeiro e Palima Piot (USC) abordarán a discriminación de xénero nos algoritmos e os riscos da IA para os dereitos fundamentais.
— Bloque 3: Estéticas de submisión e radicalización. Pola tarde, Elisa García Mingo (UCM) falará sobre as novas estéticas dixitais da submisión e haberá unha conversa con Nuria Alabao, autora do libro «Ínceles, gymbros, criptobros y otras especies antifeministas. Lo que la manosfera nos dice del mundo en que vivimos», que analizará como o antifeminismo se converte nun síntoma da precariedade entre a xente máis nova.
A xornada contará tamén con espazos de conversa con creadoras e creadores de contido dixital, como Antón (tiktoker), Miguel García (tiktoker), María Prado Rúa e Leti ‘Adochinto’, así como coa participación do colectivo Aventeira, incorporando así distintas voces e perspectivas sobre o impacto das violencias dixitais.