O PP de Foz denuncia a falta de mantemento nos paseos costeiros e esixe actuacións urxentes ao goberno local

O portavoz popular lembra que “o PP presentou unha pregunta no Senado para saber cando se van arranxar esas partes que hai caídas”. Non obstante, incide en que esta iniciativa non exime ao Concello das súas obrigas: “Iso non quita de que o Concello de Foz faga as súas labores e teña as partes que están accesibles limpas, que é o míni9mo que se lle pide”.

 O Partido Popular de Foz volve a denunciar a situación de abandono que presentan os paseos costeiros do municipio, especialmente na zona de Cangas, e reclama ao equipo de goberno municipal que actúe con urxencia para garantir o seu correcto mantemento.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica que esta demanda responde ás continuas queixas da veciñanza: “Unha vez máis, dende o Partido Popular de Foz queremos denunciar a falta de mantemento dos paseos costeiros por parte do Concello de Foz, que é a súa responsabilidade”.

Castiñeira sinala que, neste caso, foron os propios veciños de Cangas quen solicitaron a intervención do grupo popular: “Son os veciños de Cangas os que nos piden que pidamos ao equipo de goberno que canto antes se poña a traballar na limpeza dos paseos, xa que non se dan arranxado as partes do paseo que están cortadas por derrubamentos”.

O portavoz popular lembra ademais que o Partido Popular levou esta cuestión ao Senado para coñecer cando se acometerán as reparacións necesarias nas zonas afectadas: “O Partido Popular presentou unha pregunta no Senado para saber cando se van arranxar esas partes que hai caídas”. Non obstante, incide en que esta iniciativa non exime ao Concello das súas obrigas: “Iso non quita de que o Concello de Foz faga as súas labores e teña as partes que están accesibles limpas, que é o mínimo que se lle pide”.

Dende o PP denuncian unha situación de “deixadez absoluta” no mantemento municipal: “É unha labor do Concello de Foz que non está a facer ningún tipo de mantemento en practicamente nada”, asegura Castiñeira, quen apunta que esta situación é visible en toda a zona do paseo de Cangas.

Ademais, o portavoz popular pon como exemplo recente o estado da ponte do Curbeiro: “Fai poucos días avisamos de que estaba mal a ponte do Curbeiro en Foz; dicían que nos estabamos aproveitando, e aos poucos días está cortada”.

Finalmente, o Partido Popular insiste en que as súas denuncias responden ás demandas veciñais e urxe ao goberno local a actuar de inmediato: “Pedimos ao goberno de Foz que canto antes se poña mans á obra, limpe e roce eses paseos que son moi usados polo veciños e que, loxicamente, piden que estean decentes”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios