O artista galego Davide Salvado inicia unha nova etapa coa presentación de “Luz do sol”, o primeiro adianto do seu novo traballo discográfico, Permita deus, que verá a luz o 12 de maio tras un longo proceso de creación persoal.
Descubre más noticias musicales como ésta
Permita deus nace dun tempo de recollimento e dunha decisión consciente de parar, nun contexto no que todo empurra a ir máis rápido, sen pararnos a escoitar e a ser honestos con nós mesmos. Así nace un disco que medra en Lugo, no mesmo lugar no que vive Davide, onde a vida se vai facendo música, como se fixo sempre, lonxe do ruído.
«Este novo disco nace dun tempo longo de silencio e de escoita. Había algo que tiña que dicir, pero só podía saír así, con calma e con verdade. Con Permita deus ábrovos a porta á miña casa”.
Trátase dun proxecto que emana da terra, concibido como un acto de fe no patrimonio e como un catálogo persoal de cancións que nos sitúa nunha atmosfera íntima e pausada. Unha atmosfera onde, entre outras moitas sensacións, poderemos ser acariciados por unha leve «Luz do Sol».
Con esta canción, Davide preséntanos unha revisitación, unha recreación e un adianto dos temas incluídos no inminente disco. A peza, con letra de Manuel Cortés, constrúese sobre a guitarra eléctrica e os arranxos de Antonio Casado e o violín de Cibrán Seixo, baixo a produción de Lucas Delgado.
O videoclip, realizado por Jorge López, lévanos a unha cama no medio da natureza, como se a intimidade saíse fóra da casa. Nela, Davide aparece deitado, exposto, só. Arroupase, estírase, dá voltas. Permanece, deixando que a canción vaia pasando por el. A cama traspasa a habitación e ocupa a contorna: un convite a habitar o próximo: a quedar.
Davide Salvado é unha das grandes voces do panorama galego. Coñecido por mesturar o son máis tradicional da nosa música cos grandes cambios que o mundo dá. Leva media vida percorrendo aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. Unha aprendizaxe ligada especialmente ás mulleres coas que foi compartindo ese camiño, das que non só recolleu repertorio, senón tamén unha forma de estar no mundo que segue presente no seu traballo actual.
“Luz do sol” xa está dispoñible no canal de You Tube do artista. Permita deus publicarase o 12 de maio e marcará o inicio dunha nova etapa na traxectoria de Davide Salvado, que anunciará proximamente as primeiras datas de presentación en directo.