A CGT da Coruña chama á mobilización contra as guerras e o empobrecemento da clase traballadora no Primeiro de Maio

Un ano máis, a CGT, xunto coa CNT, a CUT e o Sindicato da Elevación, sairá ás rúas da Coruña este Primeiro de Maio nunha manifestación que partirá ás 12.30 horas desde a Praza de Pontevedra e finalizará no Campo da Leña. O lema deste ano resúmeo con claridade: “Contra a guerra e o empobrecemento social”.

Desde a CGT denuncian as guerras impulsadas por Estados Unidos e Israel, co respaldo da Unión Europea e a OTAN, á que o sindicato considera unha organización criminal. Sinalan que estes conflitos provocan miles de mortes e desprazamentos forzosos en distintas rexións do mundo.

Neste contexto, a CGT sostén que estas guerras coloniais, xunto coa disputa polo control de recursos estratéxicos como o petróleo, agravan o empobrecemento global da clase traballadora.

O sindicato pon o foco especialmente en Gaza, onde asegura que o xenocidio continúa pese ao suposto cesamento do fogo, que consideran unha estratexia para desactivar a mobilización internacional en apoio ao pobo palestino. Tamén alertan da situación no Líbano, onde proseguen os ataques israelís, con vítimas civís e a ocupación do territorio.

A nivel estatal, denuncian a combinación de precariedade laboral, salarios insuficientes e un custo da vida desbocado. Subliñan especialmente a emerxencia habitacional, marcada pola especulación coa vivenda, e o encarecemento dos alimentos, que beneficia ás grandes cadeas de distribución mentres deteriora as condicións de vida da maioría social.

Ante esta situación, a CGT chama á mobilización contra as guerras, o xenocidio e os ataques á soberanía dos pobos, e esixe a intervención do mercado da vivenda para garantir que os caseiros e os bancos non confisquen os salarios nin as pensións.

Así mesmo, rexeitan o aumento do gasto en armamento impulsado polo Goberno español, por orde de Donald Trump, ao que acusan de priorizar o gasto militar en detrimento de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación ou o transporte público gratuíto.

Critican ademais que as subidas salariais vinculadas ao IPC son un engano porque este índice non reflicte o custo real da vida. Eses supostos incrementos nin frean a perda de poder adquisitivo nin a crecente concentración da riqueza.

Fronte a este escenario, consideran imprescindible reducir a xornada laboral, redistribuír a riqueza e limitar os beneficios empresariais indecentes.

Por último, o sindicato reivindica a solidariedade e a organización da clase traballadora, destacando as loitas en curso en distintos sectores do Estado español, a pesar das leis represivas que amordazan con cárcere e multas. Entre elas citan as traballadoras das escolas infantís, o colectivo rider, os traballadores de Navantia ou as Seis da Suíza, como exemplo de que só a organización colectiva pode frear a ofensiva reaccionaria e racista, sendo a única maneira de conquistar novos dereitos laborais e sociais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios