O PP de Lugo insta a PSOE e BNG a acatar o mandato xudicial sobre o servizo de emerxencias de Becerreá

Os deputados do Grupo Provincial Popular instan a PSOE e BNG a que asuma, «dunha vez por todas», as súas competencias en materia de emerxencias e, neste caso, cumpra coas súas competencias e acate as sentenzas xudiciais “algo ao que nos plenos din negarse para, unhas semanas despois, anunciar que acatan as resolucións dos xulgados que declaran nulas ou ilegais as decisións da Deputación de Lugo”, como vén de suceder cos 16 traballadores de Tragsa.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denunciou que, tras dúas décadas de xestión do PSOE e o BNG, a provincia atópase nunha situación de “vulnerabilidade máxima” debido á falta de medios e ao peche de unidades estratéxicas.

Ameijide criticou duramente a “desidia” do equipo de goberno, que permitiu a desaparición de tres unidades GES na Fonsagrada, Becerreá e Cervo. “Non só desatenderon as súas funcións, senón que durante anos utilizaron a mentira para culpar a outras administracións de competencias que a lei lles atribúe unicamente a vostedes”, sinalou.

O voceiro popular fixo especial fincapé nas recentes sentenzas xudiciais, entre elas a gañada polo Concello de Cervo, que deixan claro que a xestión dos servizos de protección civil e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes corresponde ás Deputacións Provinciais, segundo a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia e a Lei de Bases de Réxime Local.

“As súas mentiras teñen as patas moi curtas. O xulgado volveulles dicir que están a incumprir as súas competencias. Xa non valen escusas nin intentos de desviar a atención con mocións de distracción”, afirmou.

Ameijide tamén fixo fincapé na necesidade de que a Deputación se poña a traballar para dar solución a todas as eivas detectadas nos parques de bombeiros, como son vehículos obsoletos ou goteiras nas zonas de descanso, entre outros. Neste senso, destacou a colaboración que realiza a Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo con “máis de 4M€ ao financiamento dos custes de funcionamento das agrupacións de voluntarios de protección civil e máis de 5,5M€/ano para cofinanciar o 52%dos gastos de funcionamento dos GES; así como o 50% dos custes de funcionamento dos 6 parques de bombeiros do Consorcio provincial”.

Cómpre reabrir os GES pechados, reforzando o seu cadro de persoal; un plan de mantemento de instalacións e vehículos e reforzar o persoal.

APERTURA RESIDENCIA BECERREÁ

Os deputados do Grupo Provincial Popular tamén defenderon que a Deputación de Lugo dese “cumprimento inmediato da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga á institución a abrir e poñer en funcionamento a residencia e centro de día comarcal de Becerreá, dando cumprimento ás obrigas recollidas no convenio asinado entre a institución provincial e o Concello”.

Antonio Ameijide explicou que esta sentenza do TSXG “dá a razón ás reiteradas reclamacións realizadas tanto polos veciños e veciñas como pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o Concello e o propio Partido Popular”.

O voceiro popular afeou a postura de PSOE e BNG durante o debate xa que “ningunearon a sentenza xudicial cando afirmaron que “para dicir o que di a sentencia botaron un ano””.

Unha sentenza que considera probada a inactividade da Deputación e o fallo xudicial é especialmente contundente ao cualificar as actuacións do goberno provincial como “actos de trámite insignificantes ou dilatorios” que non cumpren coa finalidade do convenio asinado.

Os deputados populares defenderon tres medidas clave:

  • Acatar a sentenza e cumprir de maneira inmediata coas obrigas recollidas no convenio de colaboración e na súa addenda, garantindo a apertura efectiva do centro
  • Non presentar recurso contra a resolución xudicial para evitar seguir atrasando un servizo esencial e impedir un posible incremento do gasto público en custas xudiciais
  • Cumprir os convenios asinados con outros Concellos coma Folgoso do Courel ou Portomarín, entre outros, para evitar novos incumprimentos e posibles condenas xudiciais
Comparte éste artículo
No hay comentarios