Un estudo publicado recentemente no “Journal of Cleaner Production” por persoal investigador do CITENI e o CITEEC propón un modelo innovador para analizar de forma conxunta a sustentabilidade dos distintos tipos de vehículos, tendo en conta os seus impactos económicos, sociais e ambientais.
Un equipo de investigación vinculado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña (UDC) publicou un novo estudo que propón un modelo innovador para avaliar a sustentabilidade global dos vehículos automóbiles con distintos sistemas de propulsión.
O traballo, titulado “New probabilistic multi-criteria model for assessing theintegral sustainability of private cars with different propulsion systems” (en galego, “Novo modelo probabilístico multicriterio para avaliar a sostibilidadeintegral de automóbiles privados con diferentes sistemas de propulsión”), está asinado por Juan José Cartelle (CITENI), Jesús Cardenal (Campus Industrialde Ferrol), M.ª Pilar de la Cruz (Campus Industrial de Ferrol) e Alfredo del Caño (CITEEC) e foi publicado no Journal of Cleaner Production, revista científica editada por Elsevier e unha das publicacións de maior impacto internacional (Q1, IF: 10.0) no ámbito da sustentabilidade.
Un reto clave na mobilidade actual
O estudo enmárcase no debate actual sobre que tecnoloxías de propulsión son realmente máis sostibles, nun contexto no que a comparación entre opcións como o vehículo eléctrico, o híbrido ou o convencional segue xerando controversia. Fronte a esta dificultade, o equipo propón unha ferramenta que permite analizar de forma conxunta os tres grandes piares da sostibilidade de cada tipo de vehículo: o económico, o social e o medioambiental.
O modelo apóiase na metodoloxía multicriterio de toma de decisións do modelo integrado de valor para avaliacións sostibles (MIVES), xa que permite avaliar e integrar distintos indicadores –como custos, impactos medioambientais ou aspectos relacionados coa seguridade, o confort ou o propio uso do automóbil–nun único índice global de sostibilidade. Ademais, incorpora simulacións de tipo Montecarlo, unha técnica que permite considerar a incerteza e a variabilidade nos datos do modelo, xerando distintos escenarios reais, como diferentes padróns de condución, custos de enerxía ou condicións de utilización do vehículo.
Desta forma, a análise non ofrece un único resultado pechado, senón un abano de posibles desempeños para cada tecnoloxía, o que permite obter unha visión máis completa, flexible e realista da súa sostibilidade en distintos contextos.
Aplicación a dous casos de estudo
O modelo foi aplicado a dous casos de estudo. No primeiro, o equipoinvestigador analizou catro vehículos comerciais, o que permitiu comprobar a utilidade do modelo á hora de comparar vehículos concretos tanto no seu conxunto como nos seus distintos aspectos de sostibilidade. No segundo, a análise amplíase ao conxunto das tecnoloxías –vehículos híbridos non enchufables (HEV), híbridos enchufables (PHEV), eléctricos (EV) e convencionais– mediante simulacións probabilísticas. Este enfoque permite observar tendencias xerais e avaliar o comportamento de cada tecnoloxía en distintos escenarios.
Ningunha tecnoloxía destaca de xeito absoluto
Unha das principais conclusións do estudo é que non existe unha tecnoloxía claramente dominante en termos de sostibilidade global.
Os vehículos eléctricos tenden a destacar na dimensión económica, favorecidos polos menores custos fixos, de mantemento, reparación e consumo de enerxía, mentres que os híbridos enchufables presentan os peores resultados neste ámbito. En cambio, na dimensión social, que fai referencia á seguridade, a experiencia de uso do vehículo (autonomía, facilidade de recarga ou flexibilidade nos desprazamentos) ou mesmo aspectos socio-psicolóxicos como a imaxe de marca, os PHEV ocupan a primeira posición e os eléctricos quedan no último lugar, penalizados fundamentalmente por factores como a autonomía ou a dispoñibilidade de puntos de recarga.
No plano ambiental, que mide o impacto do vehículo sobre o medio, os resultados dependen en gran medida do enfoque e o alcance utilizados, polo que é posible considerar catro submodelos distintos. Segundo cal se aplique, a clasificación pode variar, o que pon de relevo a importancia de considerar todas as etapas do ciclo de vida do vehículo –desde a súa fabricación ata o seu uso e final de vida– e de incorporar un maior número de indicadores para obter unha avaliación máis completa e equilibrada.
Máis alá do automóbil
O estudo subliña a necesidade de avanzar cara a metodoloxías máis completas e homoxéneas que permitan avaliar de forma rigorosa a sustentabilidade do automóbil. Neste sentido, o modelo desenvolvido polo equipo do CITENI e o CITEEC exponse como unha ferramenta útil tanto para a investigación como para a toma de decisións en políticas públicas.
Ademais, o seu carácter flexible permite incorporar novas tecnoloxías, como o hidróxeno ou os combustibles sintéticos, así como novos indicadores a medida que se dispoña de máis información.