O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao Partido Popular de utilizar a moción de censura en Lugo para conseguir “pola porta de atrás o que non son capaces de gañar nas urnas”. Fíxoo nas obras da estación intermodal, a piques de inaugurarse, onde quixo “facer un oco na memoria” dos lucenses para recordar quen rescatou esta infraestrutura e quen a tivo durmindo durante anos.
A pregunta a lanzou directamente: por que o PP non foi capaz en 27 anos de chegar ao goberno desta cidade. A resposta, tamén: “Pola súa política indigna de bloqueos que sufriron grandes proxectos nesta cidade”. E poucos exemplos máis claros, dixo, que o da propia estación na que se atopaban. “Esta ía ser a primeira intermodal de Galicia, no ano 2010. Así o acordaran por aquel entón o alcalde López Orozco e o ministro José Blanco”, recordou. “Entrou o goberno de Rajoy e este proxecto entrou a durmir o soño dos xustos. Desapareceu. Púxose nun caixón e non se volveu falar durante todo o mandato do PP de Mariano Rajoy”.
Tiveron que pasar anos, e tivo que ser outro proxecto socialista, o impulsado por Lara Méndez xunto co acordo posterior coa alcaldesa Paula Alvarellos e o propio Miguel Fernández, para que a obra recuperase o pulso. Para Besteiro, ese é o fío que conecta a hemeroteca co presente. “Ese bloqueo que someteu o PP á cidade, e a condena que levan neste proxecto, son indignos dunha moción de censura”, sentenciou. Foi un goberno socialista, lembrou, o que “tivo que vir para desempoeirar este proxecto e poñelo en marcha, sobre todo a unha velocidade de vértigo, con calidade marca España”.
O secretario xeral debuxou tamén o impacto que vai ter a estación na cidade real, a que se vive. Vai cambiar esta parte de Lugo, vai revalorizar toda a zona e, sobre todo, vai conectar os barrios de Gándaras e do Sagrado Corazón co centro: “É unha obra espectacular”, resumiu. Pero unha obra, dixo, que “non foi posible ata agora” pola actitude do PP, polo seu bloqueo, pola súa falta de contribución e de apoio.
E aí lanzou un aviso pensando en clave electoral. “Iso non o van esquecer os lucenses, nin hoxe nin dentro dun ano, cando teñan que ver a referencia de todas as infraestruturas e apelen a quen foi capaz de sacalas adiante a pesar da falta de apoio do Partido Popular”, advertiu. Créanme, continuou ante os medios, “Lugo sabe que foron os socialistas os que sacaron estas obras adiante e que foi o PP quen as bloqueu. Vano recordar esta semana e vano recordar dentro dun ano cando sexan chamados ás eleccións”.
Previamente, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacara que a visita ás obras deixou a todos “gratamente sorprendidos” pola rapidez, a eficacia e o resultado final, e definira a estación como unha infraestrutura “á altura de calquera outra gran cidade”. Reivindicou que esta obra é a proba de que o Concello traballa “con seriedade, con rigor e con resultados”, e replicou así a narrativa que intenta instalar o PP para xustificar a moción de censura: “!Esa presunta xestión máis ou menos lenta que algúns tratan de argumentar como proba de que teñen que tomar medidas para salvar a cidade está claro, con obras e con feitos, que non é verdade”.
Pola súa parte, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou que Lugo “avanza como nunca” en infraestruturas grazas ao traballo conxunto entre o Goberno de España e o alcalde Miguel Fernández. Cifrou en case 30 millóns de euros o investimento na estación intermodal e en máis de 650 millóns o conxunto da inversión no eixe Ourense-Lugo, “mostra clara” do compromiso do presidente Sánchez coa cidade. Preguntado pola moción de censura, evitou pronunciarse “como delegado do Goberno”, pero quixo poñer en valor o traballo dun alcalde que actúa todos os días “con tenacidade, sen distraccións e sen panos quentes”.