O proxecto permite substituír cruces con semáforos por glorietas en puntos clave da cidade para gañar fluidez no tráfico.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, acompañados polo enxeñeiro municipal, Pablo Fuentes, presentaron hoxe en rolda de prensa un conxunto de proxectos destinados á mellora da mobilidade urbana que inclúe a execución de 8 novas rotondas en distintos puntos da cidade.
Durante a súa intervención, Arroxo explicou que este plan responde a un traballo previo desenvolvido nos últimos meses: “Isto é un traballo que se leva facendo dende hai tempo. Xa falabamos del nos meses de verán, explicando que tiñamos intención de introducir unha partida nos orzamentos para levar adiante este traballo, que vai permitir substituír parte ou algúns dos cruces que están hoxe en día xestionados por rede semafórica por rotondas”.
O conxunto de proxectos abrangue diferentes zonas da cidade. Na contorna noroeste, inclúense as interseccións da Avenida de Breogán coa rúa Orquídea e da rúa Santo Graal con Angelo Colocci. Na zona sur, recóllese o proxecto dunha rotonda na intersección da rúa Alfonso X O Sabio coa Estrada da Granxa, un punto clave de conexión coa N-VI.
Ademais, a Avenida de Magoi concentra cinco destes proxectos: dous nas interseccións coa Estrada da Granxa e coa rúa Campos Novos, e tres máis na contorna do Auditorio, nas conexións coas rúas do Valiño, Bispo Ona de Echave e Madanela.
Arroxo subliñou que a execución destas rotondas realizarase unicamente nos puntos nos que sexa viable desde o punto de vista técnico e de seguridade: “Isto está pensado para aqueles sitios nos que é viable. Evidentemente, non se pode substituír, por poñer un exemplo, o cruce da Avenida da Coruña con Irmáns Carro por unha rotonda, porque fisicamente non colle, pero si que hai moitos puntos en Lugo nos que hai a superficie necesaria e se dan as condicións de seguridade”.
Neste sentido, destacou que o obxectivo principal é mellorar a fluidez do tráfico e reducir retencións, especialmente en horas punta, xa que “sabemos que substituír a rede semafórica por glorietas sempre dá moita máis fluidez ao tráfico”.
O modelo destes proxectos seguirá exemplos recentes da cidade, «collendo un pouco o modelo da que se fixo no cruce de Alfonso X con Ronda de Fingoi, que ademais está funcionando moi ben”, explicou Arroxo, incidindo tamén na mellora da seguridade peonil. Así, indicou que os pasos de peóns serán elevados, “para mellorar a seguridade peonil cando teñen que cruzar”, permitindo unha maior comodidade tanto para peóns como para vehículos.
A Tenencia de Alcaldía amosa así a súa implicación na mellora da mobilidade urbana e na modernización da rede viaria de Lugo, co obxectivo de ofrecer unha cidade máis segura, accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza.