Nove entidades ecoloxistas convocan unha mobilización na Ponte Medieval de Pontevea baixo o lema «Salmón vivo, Ulla vivo!«.
ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva e as plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non anunciaron hoxe en rolda de prensa a interposición de recurso e a convocatoria dun acto de protesta contra a autorización da Xunta do campionato de pesca do salmón con morte que terá lugar o domingo, 10 de maio, en catro coutos do río Ulla.
A concentración terá lugar o día anterior, sábado, 9 de maio, na Ponte Medieval de Pontevea (Teo e A Estrada), baixo o lema “Salmón vivo, Ulla vivo!”, e ten como obxectivo reclamar a suspensión inmediata dun evento que as entidades consideran “manifestamente incompatible” coa crítica situación desta especie, que se atopa ao bordo da extinción en Galiza. Así pois, as convocantes chaman a mobilizarse en defensa do río Ulla e da ría de Arousa fronte ao que consideran unha agresión máis aos seus ecosistemas.
Segundo denuncian, a Xunta mantén unha contradición evidente: a través da Orde de 11 de decembro de 2025que establece as normas para a pesca continental na actual tempada, a administración vedou o salmón en todos os ríos dado o catastrófico estado das súas poboacións, mais mantivo como única excepción á súa captura este «campionato» de pesca en catro coutos do río Ulla. «É unha decisión arbitraria e carente de base científica», denunciou ante os medios o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas.
Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido (Xocas), denunciou que a deficiente calidade das augas do río Ulla pon en perigo o salmón e tamén sectores en risco de desaparición coma o das mariscadoras e bateeiras. «A Xunta, en tanto que responsable desta calidade, ten que asumir xa a realidade», concluíu. Desde a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, a portavoz Obdulia Lareo, puxo sobre a mesa os impactos da mina sobre as poboacións de salmón no Ulla, en cuxas escamas se teñen detectado altos niveis de cobre. «O Ulla non é un vertedoiro industrial. Estas minas só deixan miseria no río e na ría de Arousa. Non destruamos máis o pouco salmón que queda», asegurou.
Interposición de recurso de Alzada
Neste contexto, as organizacións anunciaron tamén a interposición dun recurso de Alzada contra a resolución da Dirección Territorial de Pontevedra que permitíu esta excepción á veda, ao tempo que solicitaron a suspensión cautelar do evento ao abeiro do Decreto 88/2007, que regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
As entidades lembran que en xaneiro pasado promoveron a inclusión das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) no citado catálogo coa categoría de “En perigo de extinción”, unha proposta actualmente en tramitación e que aínda non recibíu resposta por parte da Xunta. De acordo coa normativa, esta situación permitiría adoptar medidas cautelares de protección, como a paralización de calquera actividade que poida prexudicar a especie. Ademais, as entidades veñen de coñecer que Medio Ambiente denegou as medidas cautelares solicitadas por consideralas «improcedentes».
O salmón atlántico é unha das especies máis emblemáticas dos ríos galegos, pero leva décadas en acusado declive. Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse en conxunto máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas. Precisamente, un recente estudo da Sociedade Ibérica de Ictioloxía apunta datos aínda máis preocupantes para o salmón: a súa presenza no Lérez reduciuse un 94,8%, e no Ulla un 77,9% nos dez últimos anos.
Campaña #AlertaSalmónGalego
A concentración do vindeiro sábado 9 en Pontevea enmárcase na campaña #AlertaSalmónGalego, que mantén activa a súa recollida de sinaturas para esixir á Xunta que declare o salmón «En perigo de extinción» e desenvolva un plan de recuperación efectivo. As organizacións impulsoras desta campaña, ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega e Asociación Lobo, rexistraron recentemente ante a Xunta máis de 2.500 sinaturas de apoio, recollidas en pouco máis dun mes, o que consideran unha mostra do aval social á protección desta especie.
“As administracións teñen a obriga de actuar con responsabilidade e baseándose na evidencia científica. Non se pode permitir a captura dunha especie en perigo crítico baixo ningún pretexto”, concluíu o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas. As entidades fan un chamado á cidadanía a participar na concentración do 9 de maio e a apoiar as iniciativas en defensa do salmón e dos ríos galegos. Apelan tamén á responsabilidade dos colectivos de pescadores participantes no concurso, para que fronte ao desleixo da Xunta, renuncien a pescar salmón.