Sol Agra reivindica na etapa coruñesa do Correlingua “a mocidade rebelde que leva o galego no corazón”

«Segue habendo unha mocidade comprometida coa defensa dunha lingua viva e con futuro», afirmou Sol Agra durante o acto celebrado hoxe na Coruña.

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, interveu este mércores na etapa coruñesa do Correlingua 2026, celebrada na contorna da Torre de Hércules. O acto reuniu alumnado e profesorado de diferentes centros educativos da provincia cun elemento común: a defensa e promoción da lingua galega.

Durante a súa intervención, Sol Agra destacou o valor do lema desta edición do Correlingua, ‘Co galego no corazón facemos revolución’, e sinalou que iniciativas como esta evidencian que «segue habendo unha mocidade comprometida coa defensa dunha lingua viva e con futuro», mesmo nun contexto «de emerxencia lingüística».

A deputada amosou tamén a súa «satisfacción» por poder participar no Correlingua desde A Coruña, cidade que definiu como «a histórica sede das Irmandades da Fala» e que conta hoxe cun centro de referencia como o IES Rafael Dieste, coñecido polo seu compromiso e campañas como ‘Aquí tamén se fala’. Neste sentido, salientou que esta iniciativa, «co impulso colectivo da mocidade rebelde que leva o galego no corazón, conseguiu un fito histórico como que o Deportivo por fin vaia ser ‘da Coruña’».

Agra reivindicou ademais o carácter creativo, moderno e transformador da lingua galega, asegurando que «o galego continúa sendo unha ferramenta de expresión cultural, artística e social plenamente viva», e puxo o foco no papel da xente nova como motor desa resistencia fronte aos procesos de minorización lingüística.

Apelo á implicación da mocidade

Na súa intervención, animou a manter o uso do galego no día a día e apelou á implicación da mocidade para garantir o futuro da lingua «en todos os espazos da vida cotiá». Finalmente, agradeceu a participación do alumnado e o compromiso colectivo co galego, rematando cunha mensaxe de esperanza e continuidade para a lingua galega.

A actividade foi organizada por CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG, co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña nas súas áreas de Normalización Lingüística. Participaron na convocatoria centros educativos de distintos concellos da provincia, entre eles A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros, As Pontes, Carral, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Pontedeume e A Laracha.

A xornada incluíu a lectura do manifesto por parte do alumnado, a entrega de premios e a actuación da Mekánika Rolling Band, nun acto presentado por Isabel Risco.

Ao longo do mes de maio, o Correlingua 2026 continuará o seu percorrido nas próximas semanas con novas citas en diferentes localidades galegas. Tras o paso por Santiago de Compostela e A Coruña, a programación chegará a Moaña o día 7, Monforte (13), A Estrada (15), Narón (19), Ourense e Ribadeo (20), Pontevedra (21), Lalín e Vigo (22), para rematar en Lugo o 27 de maio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios