Discurso de investidura de Elena Candia. «Na oposición importa o que dis, e no goberno importa o que fas»

Bo día de novo.

Diríxome agora a vós como alcaldesa, despois de acadar os 13 votos que garanten a maioría absoluta. E, por suposto, o primeiro é o meu agradecemento aos compañeiros e compañeiras.

HOXE NON É UN DÍA MÁIS. Hoxe é un deses días que quedarán na miña memoria para sempre, como quedaron todos e cada un daqueles nos que iniciaba unha NOVA RESPONSABILIDADE POLÍTICA. Co paso do tempo, cada unha delas asumina con máis experiencia, pero coa mesma honestidade, co mesmo compromiso e, se cabe, con maior ilusión por estar á altura das expectativas e da confianza depositada.

Chego aquí despois de gañar unhas eleccións no 2023 e de acadar hoxe os 13 concelleiros. Pero, sobre todo, chego despois de moito traballo, de moito equipo e de moito proxecto. Chego cunha profunda convicción de que OUTRO LUGO É POSIBLE, de crer que Lugo merece máis e de non deixar nunca de intentalo.

Agradecida, pero tamén profundamente consciente da responsabilidade que asumimos.

Agradecida por todas e cada unha das mensaxes de ánimo destes días; agradecida por cada aperta e por cada consello. E agradecida tamén de que hoxe me acompañen o meu pai e o meu padriño, que, ademais de darme a vida e o apelido Candia, déronme a ensinanza e os valores dunha familia humilde, pero profundamente honesta, que me educou no esforzo, no respecto e na responsabilidade. Unha familia que me recorda sempre de onde veño e que me acompañou tamén nesta paixón polo servizo público e pola política.

Pero, despois desta mínima referencia persoal que me permitín, a realidade é que ISTO NON VAI DE MIN. VAI DE LUGO. Desa cidade e das súas xentes que me acolleron, porque Lugo é unha cidade profundamente acolledora; que me falou, que me ensinou e que, estando ao seu carón, me deu forza para liderar o que hoxe comeza.

A miña maneira de traballar é estando ao lado da xente, con proximidade, con empatía e gobernando para todos. LUGO NECESÍTANOS A TODOS. Necesita unión, traballo e respecto. E iso é o que vai definir o meu goberno.

Sen rencor, a pesar de todo o que se dixo nestes días, e pensando en positivo, tendendo a man, como fixen dende a oposición.

Como sabedes, a lectura é unha paixón. Eu son unha convencida de que dicía que “NA OPOSICIÓN IMPORTA O QUE DIS, E NO GOBERNO IMPORTA O QUE FAS”, e así é.

Por iso quero hoxe anunciar o que imos facer.

Son unha municipalista convencida. Creo que é a administración máis próxima aos cidadáns e a que mellor coñece as súas necesidades e tamén, estando máis preto, mellor pode darlles resposta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios