Pilar García Porto destaca no 30 aniversario de Pazo de Vilane, que o rural “non é só un lugar onde vivir, senón tamén onde investir e xerar emprego”

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, participou este mércores nun acto que dá comezo a celebración do 30 aniversario de Pazo de Vilane, unha empresa familiar nacida en 1996 que hoxe constitúe un exemplo de emprendemento, innovación e creación de emprego no rural galego.

A compañía, fundada pola familia Varela-Portas, pasou de comezar a súa actividade con apenas 50 galiñas a contar actualmente con 66 persoas empregadas, 235.000 galiñas distribuídas en 17 granxas galegas e presenza en máis de 2.500 puntos de venda de toda España. A súa traxectoria destaca pola aposta pioneira polos ovos campeiros, o benestar animal, os envases sostibles e a xeración de actividade económica vinculada ao territorio. 

Pilar García Porto felicitou a familia fundadora e o equipo da empresa por estas tres décadas de historia e subliñou a súa contribución ao desenvolvemento rural. “Pazo de Vilane demostra que o rural tamén é presente, empresa e futuro”, afirmou. Neste sentido, destacou que “o rural non é só un lugar onde vivir. É tamén un lugar onde emprender, investir, crear emprego e construír proxectos de vida”.

Na súa intervención, García Porto incidiu tamén na necesidade de favorecer a colaboración entre administracións, empresas e sociedade para fortalecer o tecido produtivo e facilitar que a mocidade poida desenvolver o seu futuro profesional e persoal no rural. Ademais, coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, reivindicou o papel das mulleres no emprendemento e no desenvolvemento económico e social das aldeas.

O acto incluíu conversas con artesás e mesas redondas sobre o emprendemento feminino e o futuro do rural, nas que participaron empresarias e profesionais como Ana Corredoira, da Granxa A Cernada; Ilda Gómez, de Diqueixa; e Noelia Solar, de Esencia Viva, xunto con referentes do ámbito empresarial galego como Nuria Varela-Portas, de Pazo de Vilane; Carmen Lence, do Grupo Lence, e Cristina Fernández-Armesto, de Casa Grande de Xanceda. A xornada serviu para visibilizar iniciativas lideradas por mulleres e reivindicar o seu papel no desenvolvemento económico e social do medio rural.

A programación do aniversario arrincará este xoves, 15 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, coa inauguración dunha exposición interactiva sobre a historia da empresa, que permanecerá en Antas de Ulla ata abril de 2027 e viaxará á Casa de Galicia en Madrid en maio. Ademais, Pazo de Vilane prevé inaugurar unha nova instalación de envasado en Agolada no primeiro semestre de 2027 e celebrar un encontro conmemorativo o 19 de xuño dese ano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios