UGT Servizos Públicos, ante a comunicación por parte de Medio Rural, de que se lle vai encomendar a SEAGA unha parte significativa do dispositivo de reforzo para loitar contra os lumes forestais, manifesta o seu malestar e o rexeitamento a esta volta atrás coas encomendas que hai poucos anos se integraron no dispositivo público. Para o Sindicato, a Xunta debe apostar polo reforzo directo deste servizo público coa conseguinte creación de emprego reforzando os cadros de persoal.
A información transmitida é que o operativo para o 2026 desta encomenda estaría conformado por 42 brigadas de prevención e defensa contra incendios, con 181 bombeiros, para 90 días. A previsión, ademais, segundo a información que se fai chegar, é que sexa SEAGA que asuma este reforzo e que as contratacións se realicen mediante contrato por circunstancias da produción.
UGT rexeita este modelo que conduce á externalización dun servizo público esencial e que se encubra como circunstancias da produción o que en realidade son necesidades permanentes e estruturais, consolidadas polo tanto ano tras ano. UGT Servizos Públicos incide en rexeitar fórmulas temporais e que as contratacións non se fagan a integren directamente como cadro de persoal da Xunta.
Non se poden cubrir necesidades estruturais con contratacións provisionais. Urxe que estes efectivos formen parte dun cadro de persoal propio da Xunta. Este xeito de actuar denota a carencia dunha política pública estable e sostible no tempo que recoñeza dunha vez por todas que o problema dos lumes forestais é algo estrutural co que hai que loitar ao longo de todo o ano con cadros de persoal estables.
Por todo isto, dende UGT ínstase á Xunta a que revise esta decisión é aborde o problema da loita contra os incendios con reforzos de persoal como unha política de seria de país e non dun xeito cortoplacista e con parches como o está a facer.