PSOE Arteixo: «Naturgy desmente a Carlos Calvelo e deixa ao descuberto as mentiras do alcalde sobre Suevos»

Os socialistas acusan ao Goberno local de paralizar a legalización do núcleo tras 15 anos de promesas incumpridas e de «escudarse» nunha empresa coa que nin sequera contactou e esixen que, de xeito inmediato, o Concello inicie os expedientes técnicos necesarios para que a luz e o resto de servizos municipais sexan por fin unha realidade.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de denunciar unha situación de «extrema gravidade» en relación ao proceso de legalización do núcleo do porto de Suevos. Tras máis de década e media de espera, o PSOE desvelou que a xustificación dada polo Goberno local de Carlos Calvelo para o estancamento do plan, unha suposta falta de resposta de Naturgy, é, segundo a propia compañía eléctrica, radicalmente falsa.

O voceiro socialista, Martín Seco, explica que a Asociación de Veciños San Pancracio de Suevos consultou directamente á subministradora ante a falta de avances. A resposta de Naturgy foi tallante: a empresa non ten constancia de ningún expediente de acceso ou conexión aberto por parte do Concello de Arteixo para este fin.

Mentiras fronte a feitos

Dende o PSOE lembran que hai un ano se aprobou por unanimidade unha moción para axilizar este proceso e dotar a Suevos dos servizos básicos que merece calquera veciño do concello. Porén, a realidade administrativa que destapan os socialistas é desoladora: inacción municipal (Naturgy confirma que para estudar a capacidade de potencia o Concello debe iniciar un expediente e achegar o proxecto do plan, algo que o Goberno local aínda non fixo), 15 anos de parálise (o proceso, que arrancou coa chegada de Calvelo á alcaldía, segue paralizado mentres o Goberno utiliza a terceiras empresas como «escudo» para ocultar a súa falta de xestión) e total indefensión veciñal (a veciñanza de Suevos vive cunha dobre preocupación: a falta de servizos e a aparición de proxectos industriais na zona dos que non son informados)

«É indignante que o Goberno de Arteixo leve 15 anos xogando coas expectativas de centos de familias. O que descubrimos non é un erro administrativo, é un engano deliberado. Non se pode dicir no Pleno que Naturgy non responde cando nin sequera se lle enviou o proxecto. Calvelo debera aclarar se renunciou xa á legalización de Suevos por intereses que non son os dos veciños», sentenciou Martín Seco.

Ante esta evidencia, o Grupo Socialista esixe que o PP dea a cara e responda con claridade a cal é o motivo real da parálise da legalización do núcleo do porto de Suevos, por que se mentiu á corporación e á veciñanza alegando problemas con Naturgy que non foron tramitados, e se o alcalde renuncia a cumprir as súas promesas e os acordos plenarios para dotar de servizos e seguridade xurídica a este núcleo.

O PSOE de Arteixo avanza que non permitirá que se enterre o plan de Suevos nun caixón e esixe que, de xeito inmediato, o Concello inicie os expedientes técnicos necesarios para que a luz e o resto de servizos municipais sexan por fin unha realidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios