O TSXG dá a razón á Deputación da Coruña e rexeita unha reclamación de 117.000 euros pola venda de dúas parcelas en Sabón

A resolución xudicial establece que a reclamación económica se presentou fóra do prazo legal e impón á empresa as costas procesuais da apelación.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar a razón á Deputación da Coruña ao desestimar integramente o recurso de apelación presentado pola empresa Estación de Servicio CLT Culleredo S.L., que reclamaba á institución provincial unha indemnización de 117.213,61 euros pola venda de dúas parcelas no polígono industrial de Sabón, en Arteixo.

A sentenza, ditada o pasado 23 de outubro, confirma a resolución xudicial do 4 de marzo de 2026, que xa desestimara a demanda presentada pola empresa, e avala o criterio defendido polos servizos xurídicos da Deputación de que a reclamación estaba prescrita por terse presentado fóra do prazo legal.

O conflito ten a súa orixe na adxudicación de dúas parcelas industriais que foi posteriormente anulada en cumprimento dunha sentenza xudicial. A Deputación procedeu á devolución do prezo aboado e das garantías depositadas, pero a empresa reclamou posteriormente unha indemnización polos gastos e investimentos que afirmaba ter realizado nos terreos.

O TSXG establece que o prazo dun ano para presentar esa reclamación comezou o 25 de outubro de 2019, cando adquiriu firmeza a resolución xudicial que invalidaba a adxudicación. Porén, a empresa non presentou a súa solicitude de indemnización ata o 19 de decembro de 2022, máis de tres anos despois.

O tribunal rexeita tamén que as actuacións posteriores da Deputación para executar a sentenza e devolver os importes puidesen interromper ou ampliar o prazo de prescrición.

A resolución supón un segundo pronunciamento xudicial favorable á Deputación da Coruña, que ve confirmada a desestimación da reclamación económica de 117.213,61 euros. Ademais, o TSXG impón á empresa recorrente as costas procesuais da apelación, cun límite máximo de 1.000 euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios