Nesta edición, o público poderá ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, presentaron esta mañá no pazo provincial unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia. Grazas a este circuíto, algunhas das producións máis destacadas do audiovisual galego achegaranse ao público de concellos sen salas comerciais.
Os concellos de Arzúa, Boiro, San Sadurniño, Betanzos, Cedeira e Zas acollerán as proxeccións desta nova edición do ciclo. As persoas interesadas poderán ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou «a vontade da Deputación da Coruña de seguir achegando a cultura á cidadanía e de continuar facendo do audiovisual galego unha ferramenta de cohesión cultural e social». A deputada sinalou ademais que «o Ciclo Mestre Mateo é unha magnífica oportunidade para poñer en valor o talento creativo do noso país e para apoiar unha industria audiovisual que vive un momento especialmente destacado».
González subliñou tamén «a importancia de manter espazos de encontro arredor do cinema nun momento no que consumimos historias en múltiples pantallas», e engadiu que «a experiencia colectiva de asistir a unha proxección segue sendo fundamental para crear comunidade arredor da cultura». Finalmente, animou á cidadanía «a participar nesta nova edición e a descubrir ou redescubrir o gran momento que vive o audiovisual galego».
Pola súa parte, Lucía Veiga destacou «a importancia de continuar levando o cinema galego a todo o territorio, especialmente a aquelas localidades que non contan cunha programación audiovisual estábel». Ademais, sinalou que «o Ciclo Mestre Mateo segue a consolidarse como unha oportunidade para achegar ao público as producións máis destacadas do audiovisual galego recente e fortalecer o vínculo da cidadanía coas historias feitas desde Galicia».
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual puxo tamén en valor «a oferta plural e diversa desta edición, na que o público poderá atopar todo tipo de historias e xéneros, desde documentais até ficcións, achegándose así á riqueza e variedade da creación audiovisual galega actual».
O Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio das deputacións provinciais, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda Galicia.
Ao longo das súas edicións, o ciclo contribuíu a facer accesíbeis producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema. Durante estes anos na provincia da Coruña participaron xa 13 concellos, con 32 películas proxectadas, 171 sesións de cinema e un total de 5.238 espectadores e espectadoras.