O PSOE de Rianxo propón actualizar a auditoría da rede de auga e avanzar na regularización do servizo

O Grupo Municipal Socialista de Rianxo vén de trasladar ao goberno municipal a necesidade de avanzar na actualización da situación do ciclo integral da auga no municipio, apostando por unha planificación rigorosa e adaptada ás necesidades actuais da rede de abastecemento e saneamento.

Dende o PSOE consideran prioritario iniciar a renovación da auditoría da rede, tendo en conta que actualmente continúa empregándose como documento de referencia un informe elaborado no ano 2011. Os socialistas sinalan que “é necesario contar cunha diagnose actualizada do estado real das infraestruturas para poder planificar actuacións de futuro, priorizar investimentos e ofrecer maior seguridade á hora de optar a subvencións e liñas de financiamento”.

Neste sentido, o grupo socialista tamén insta ao Concello a preparar proxectos para concorrer á nova convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia destinada a obras de abastecemento, cuxa publicación está prevista para o vindeiro 18 de maio e coa apertura do prazo de presentación de solicitudes a partir do 27 de maio.

Ademais, os socialistas poñen en valor a necesidade de avanzar na resolución da situación contractual do servizo de xestión da auga, que permanece nun contexto de precariedade administrativa dende o ano 2016. O PSOE lembra que esta situación xa fora advertida hai meses polos servizos correspondentes, polo que consideran necesario que o goberno municipal impulse medidas que permitan encamiñar unha solución estable e definitiva.

Para os socialistas, a regularización e definición do futuro modelo de xestión do servizo debería ser un dos obxectivos prioritarios desta lexislatura, garantindo seguridade xurídica, estabilidade e capacidade de planificación para os vindeiros anos.

Do mesmo xeito, o Grupo Municipal Socialista considera importante avanzar na posta en marcha da comisión de seguimento do ciclo integral da auga, como un espazo útil para avaliar a situación do servizo, coordinar actuacións e analizar as necesidades futuras do municipio. “Seguiremos trasladando propostas construtivas e útiles para Rianxo, apostando pola planificación, a transparencia e a mellora dos servizos públicos”, sinalan dende o PSOE de Rianxo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios