Luz Casal e Burning únense a Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis nunha programación que combina o rock interxeracional coa mellor gastronomía local.
O Festival Ou Yeah! reafirma este ano que o seu corazón non só latexa ao ritmo do rock, senón que tamén se alimenta da horta e a tradición ourensá. Grazas á colaboración estratéxica co colectivo Cociña Ourense, o festival transforma o concepto de «comida de festival» nunha proposta de alta calidade que percorrerá a provincia.
Baixo a premisa de que a cultura e o territorio se defenden tamén dende o padal, Cociña Ourense será o fío condutor que acompañe as grandes citas musicais de 2026. Para o colectivo culinario, formar parte do Ou Yeah! é unha oportunidade inmellorable: «Facer o que máis nos gusta e ademais nun festival de rock na nosa provincia… que máis se pode pedir?». Esta alianza dálle un sentido pleno á súa filosofía de traballo, xa que permite «integrar gastronomía con cultura e poder dar visibilidade ao noso produto».
O festival Ou Yeah! está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.
Ourense no prato, o rock no escenario
A alianza busca que en cada fito do calendario (Expourense, O Carballiño e o Pazo dos Deportes Paco Paz), os asistentes poidan gozar de creacións exclusivas elaboradas por chefs da provincia. A oferta deseñada fuxirá dos clichés: o público atopará unha proposta na que convivirá a cociña máis elaborada coa cociña adaptada ao contexto festivaleiro , garantindo que a xente que decida repetir en varias citas atope «cousiñas diferentes en cada festival».
Dende o colectivo explican que o espírito do rock and roll e os fogóns comparten o mesmo ADN: «O rock é tan amplo que che dá momentos picantes, doces, ácedos e salgados, como a vida e a cociña». Ademais, a presenza dos chefs non se limitará aos bastidores. Os cociñeiros vivirán o festival con «paixón, diversión e camaradería» e os asistentes poderán interactuar con eles, xa que estarán «ao pé do canón dando todo» nos recintos.
Sustentabilidade e protagonismo da horta e a gandería local
Esta aposta pola sustentabilidade permite que o festival funcione como un escaparate vivo e xigante para a contorna rural. «Para nós, os produtores locais son a nosa forma de existir; a nosa loita é darles visibilización e apoialos en todo o que poidamos», destacan dende Cociña Ourense. Un altofalante que, grazas ao formato do festival, ofrece a oportunidade única de chegar a milleiros de persoas en poucas horas , abrindo a porta a que moito público novo descubra a gastronomía ourensá e se produza «máis dun match».
Nesta edición, os produtos ourensáns máis icónicos levarán a voz cantante. Na proposta gastronómica non faltará a castaña nalgunha das elaboracións, así como a carne das razas autóctonas de Ourense e os recoñecidos pans de Cea, que nesta ocasión chegarán convenientemente «versionados por Nico de ruralbakers» para o contexto do festival.
Reivindicar a despensa do interior de Galicia é unha prioridade para o colectivo neste escaparate cultural, defendendo que a materia prima da provincia de Ourense é, hoxe en día,«como máis de verdade, máis real, e está menos influenciada polo mundo globalizado no que vivimos». «Cada territorio ten as súas características propias», engaden, «o tema é crer neles e aceptar que igual non é o mellor do mundo, pero é o noso».
Sobre Cociña Ourense
A gastronomía galega é moito máis que marisco, e o Festival Ou Yeah! convértese no escenario perfecto para demostrar que o interior de Galicia ten un sabor único e sofisticado. Cociña Ourense é unha asociación que agrupa a 18 prestixiosos cociñeiros que exercen a súa mestría por todo o territorio ourensán. O proxecto naceu hai tres anos da man de referentes como Miguel González (cunha Estrela Michelin no seu restaurante do Pereiro de Aguiar) e Marco Varela (do restaurante Sábrego), coa misión clara de proxectar ao mundo a capacidade culinaria da zona e defender aos produtores locais.
Dende as carnes de tenreira e vaca cachena ata o porco ibérico, pasando polos pementos de Oímbra e Arnoia ou os cogomelos de tempada, Cociña Ourense trae ao festival unha materia prima de altísima calidade. Baixo a coordinación de Gerson Iglesias, o colectivo traduce esta riqueza nunha proposta gastronómica exquisita e coidada, demostrando que o rock tamén se pode maridar coa excelencia do produto de proximidade.
Deste xeito, o Ou Yeah! consolídase como un festival de sentidos onde o magnetismo de artistas como Luz Casal, Loquillo, Burning ou The Rapants marida coas propostas de vangarda dunha cociña ourensá en plena efervescencia.
As entradas para a xornada do 6 de xuño en Expourense, con Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, xa están á venda cun prezo de 38 € (+ gastos).
Para o concerto de Luz Casal, que terá lugar o 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz, os tickets poden adquirirse dende 28 € (+ gastos).
Ambos eventos teñen as súas entradas dispoñibles en ouyeah.gal e ataquilla.com. Pola súa banda, o concerto de Burning en O Carballiño será de balde.