A veciñanza da montaña lucense concentrarase o vindeiro xoves 21 diante do edificio multiusos da Xunta de Galiza en Lugo para denunciar o deterioro da atención sanitaria na comarca e reclamar solucións reais fronte ao abandono que sofre o rural por parte do Goberno galego.
A convocatoria pretende visibilizar “o cansazo e a indignación dunha veciñanza farta de promesas incumpridas e de anuncios que nunca chegan a concretarse”, sinalaron desde o BNG. Criticaron que “o Partido Popular leva anos utilizando a sanidade da montaña como ferramenta propagandística, mentres a realidade é que cada vez hai menos servizos e máis dificultades para acceder a unha atención médica digna”.
Advertiron que “en moitos concellos da montaña a situación é límite”, xa que hai persoas que teñen que percorrer longas distancias para seren atendidas, nun territorio marcado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e a ausencia de transporte público. “Hai veciñas e veciños que dependen doutras persoas para poder acudir a unha consulta médica ou que incluso teñen que asumir o custo dun taxi para recibir atención sanitaria”, denunciaron.
Desde o BNG lembraron tamén que os problemas da atención primaria en zonas como Cervantes ou Navia de Suarna “non son feitos puntuais, senón a consecuencia directa dunha política continuada de recortes e falta de planificación”. Nese sentido, sinalaron que os propios informes do Consello de Contas evidencian as graves deficiencias existentes na atención primaria galega.
A formación nacionalista insistiu en que “non pode haber equilibrio territorial nin futuro para o rural se non se garanten servizos públicos básicos en condicións de igualdade”. Así, acusaron á Xunta de aplicar “unha política discriminatoria cara ás zonas rurais e, especialmente, cara á montaña lucense”.
Entre as reivindicacións da mobilización, o BNG reclama a recuperación inmediata do consultorio de Doiras e a cobertura fixa e permanente do persoal sanitario tanto en Navia de Suarna como en Cervantes, ademais dun reforzo real da atención primaria no conxunto da montaña.
“O acceso á sanidade pública non pode depender nin do código postal nin da capacidade económica das persoas. O rural tamén ten dereito a uns servizos públicos dignos”, concluíron.
O BNG asegurou que seguirá apoiando as mobilizacións veciñais e trasladando estas demandas ás distintas institucións até conseguir que a veciñanza da montaña lucense deixe de ser cidadanía de segunda no acceso á atención sanitaria.