O PP destaca ao Incio como referente en materia de sostenibilidade co proxecto do ‘Bosque do Incio’

Os deputados provinciais Antonio Ameijide, Jesús Núñez, Clemente Iglesias e José María Fernández coñeceron este proxecto da man do alcalde do Incio e deputado provincial, Héctor Corujo.

Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron unha iniciativa pioneira no Incio, un bosque de captación de CO2 para profundizar no funcionamento destas áreas naturais destinadas á compensación de emisións de gases de efecto invernadoiro, que ademais axuda notablemente á protección climática e do chan.

O alcalde do Incio e deputado provincial, Héctor Corujo, explicou o funcionamento desta iniciativa aos seus compañeiros Antonio Ameijide, Jesús Núñez, Clemente Iglesias e José María Fernández.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, destacou que esta visita serviu para “coñecer de primeira man un proxecto pioneiro e moi interesante que serve para poñer en valor o papel estratéxico do rural galego na descarbonización”. 

O Incio culminou recentemente un proceso de deslinde de montes que pon fin a un conflito histórico que se remontaba a 1852 e que afectaba á zona da Ferrería, unha actuación impulsada pola empresa Carteira Pinus, en colaboración con Grupo Sylvestris, empresa de enxeñería forestal participada por Fundación Repsol e Hispasat.  

O proceso permitiu completar o apeo e deslinde de máis de 800 hectáreas tras preto dun ano de traballos técnicos, xurídicos e de campo. O resultado foi a delimitación e documentación oficial de terreos cuxa situación permanecía sen regularizar desde fai máis de século e medio, tempo no que se formalizaron acordos con cinco comunidades de montes veciñais — Trascastro, Vilar de Robledo, Foilebar, Vilarxoán e Santa Mariña —, así como acordos con veciños particulares.

Esta actuación permitirá achegar seguridade xurídica aos propietarios e contribuirá a ordenar territorialmente unha zona marcada historicamente por conflitos sobre a titularidade dos terreos.

Unha vez finalizados os deslindes, a finca quedou configurada cunha superficie total de 781 hectáreas sobre as que se desenvolverá un proxecto forestal de gran envergadura xestionado por Grupo Sylvestris, xerando así un espazo forestal protexido e xestionado tecnicamente, mediante o crecemento da biomasa e funcionan baixo o concepto de absorción certificada; que colabora ademais coa mellora e o crecemento da biodiversidade. 

Un sistema de traballo que axuda a que as empresas que non poden reducir as súas emisións ao 100% se apoien neste traballo de absorción que fai este tipo de  bosques, financiando así a conservación do noso rural.

Pola súa banda, o alcalde do Incio e deputado provincial, Héctor Corujo, destacou que esta iniciativa “non só ten un beneficio ambiental, senón tamén social”. “A posta en marcha destes proxectos supón a creación de emprego verde local e a recuperación de terras que, doutro xeito, poderían quedar expostas ao abandono ou aos incendios”, explicou.

Iniciativas coma esta son fundamentais para poñer en valor ao noso rural, un espazo fundamental na dinamización económica da provincia, ademais de ser unha peza moi importante para o asentamento poboacional, xerando emprego e facilitando que familias asenten o seu proxecto de vida en concellos rurais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios