A serie de minivídeos ‘O Seminario de Onomástica responde’ explica na nova tempada a orixe e o significado dos nomes de Lavadores, O Calvario, Esmelle e Miranda.
Da parroquia de Lavadores e o barrio do Calvario a Esmelle e Miranda. O Seminario de Onomástica da Real Academia propón este percorrido vital e literario por lugares senlleiros da vida e da obra de Begoña Caamaño na nova tempada da súa serie de minivídeos divulgativos. As catro pezas de homenaxe á autora a que a institución lle dedica as Letras Galegas 2026 afondan na orixe e no significado de dous nomes de lugar da infancia da escritora e xornalista viguesa e mais no escenario definitivo da súa novela Morgana en Esmelle, onde a autora trouxo a feiticeira das lendas artúricas a Galicia á procura do mago Merlín. As curtas poden verse xa en academia.gal e en Youtube.
Na primeira parada en Vigo d’O Seminario de Onomástica responde, o académico de número Gonzalo Navaza explica dende o barrio onde Begoña Caamaño naceu en 1964 de onde procede o seu nome, O Calvario. O rastro máis antigo atópase na Plena Idade Media. A documentación máis vella que chegou ata hoxe data de 1153 e fala dun Monte Calvario na freguesía de Santa Cristina de Lavadores. Canto ao que designa, non hai moito misterio: fai referencia a un calvario, un monumento relixioso de tres cruces, do cal non se conserva ningún resto. “Iván Sestay, no seu estudo da toponimia de Lavadores, cre que a última cruz que sobreviviu deste calvario que motivou o topónimo foi a que deu orixe á rúa do Cristo, unha das rúas transversais deste lugar”, engade o profesor da Universidade de Vigo.
Gonzalo Navaza visita ademais a contorna da igrexa de Santa Cristina de Lavadores para explicar a historia destoutro topónimo transparente que designou un dos concellos do Val de Fragoso que acabaron sendo absorbidos por Vigo, neste caso no ano 1941. O nome fai referencia á actividade que se producía nos lavadoiros próximos ao templo, no hoxe coñecido sobre todo como río Lagares, pero historicamente denominado Sárdoma, lembra o filólogo. O académico desvela ademais unha curiosidade lingüística: na documentación medieval a palabra Lavadores é feminina. “Do mesmo xeito que se dicía mĩa senhor, tamén eran ũa lavador as mulleres que lavaban”, compara.
A toponimia de Morgana en Esmelle
A parroquia ferrolá de Esmelle é outra das paraxes d’O Seminario de Onomástica responde. Iván Méndez achega a información coñecida sobre este nome que Cunqueiro adoptou para situar o mentor do rei Artur na súa novela Merlín e familia, á que Begoña Caamaño homenaxea en Morgana en Esmelle (2012). “Estamos ante un nome de lugar que procede dun nome de persoa: neste caso a partir dun sintagma que puido ser *(VILLA) ISMAELI. Isto é, as terras que eran propiedade dunha persoa que se chamaba Ismael”, indica o técnico do Seminario.
As atestacións máis antigas do nome da parroquia ferrolá son igualmente do século XII e atópanse en documentos do mosteiro de Caaveiro, como Sancti Iohannis de Ismaeli, e do mosteiro de Sobrado, como Sanctum Iohanne Esmaeli ou Ysmaelli. “A aldea aparece documentada tamén en textos do século XII como Villa Esmaeli e teremos que agardar até o século XV para atoparmos o topónimo actual, Esmelle”, concreta Iván Méndez.
Miranda: de Lugo a Cangas de Morrazo, A Caniza e Parada de Sil
A simbólica casa de Miranda á que acode Morgana á procura de respostas sobre o seu destino, rodeada da selva de Esmelle, debe o seu nome a outro topónimo que Begoña Caamaño tomou prestado de Cunqueiro, un nome ben produtivo que o fabulador adoptou dunha Terra de Miranda medieval situada na provincia de Lugo. “No século XVI, constituída xa en concello do mesmo nome, comprendía varias parroquias da actual A Pontenova, e no século XVIII bautizaba a xurisdición de Miranda, na provincia de Mondoñedo”, recorda a académica correspondente Luz Méndez no vídeo correspondente. “Co nacemento do municipalismo a principios do século XIX, a zona dividiuse durante un pequeno período nos concellos de Miranda, Conforto e Vilameá. A partir de aí, o nome desapareceu da nomenclatura civil a mediados dese século e eses tres concellos, renomeados e fusionados, acabaron formando parte, hai unhas décadas, do hoxe chamado A Pontenova”, debulla.
Na actualidade en Galicia existen ademais outros seis topónimos Miranda ou A Miranda: unha parroquia en Castroverde, tamén en Lugo; tres lugares nos concellos pontevedreses de Cangas de Morrazo, A Caniza e Gondomar, e outro no ourensán de Parada de Sil.
Canto ao significado, a teoría tradicional fai proceder Miranda do feminino do adxectivo latino MIRANDUS, -A, -UM que significaba ‘sorprendente, marabilloso, prodixioso’, participio do verbo latino MIROR, -ARI ‘sorprenderse, admirar’. No latín medieval, aínda que non en Galicia, tamén se rexistra ocasionalmente a palabra Miranda co significado de ‘miradoiro’, ‘lugar cuberto desde onde se pode admirar ou ver cara a todos os lados’.
“Con todo, e dado que o topónimo está documentado desde o século X na Gallaecia, onde o verbo MIRARE é de introdución tardía, non se pode descartar que este nome de lugar teña unha orixe máis antiga, prerromana. Posiblemente é un hidrónimo, para algúns quizais coa base indoeuropea *meir ‘augas mansas’, presente noutros topónimos como Mira e Miras, e un sufixo tamén de orixe prerromana, o mesmo de Cornanda, Sabandaou Aranda”, profunda Luz Méndez.