Hoxe celebrouse a Comisión Informativa previa ao Pleno ordinario, na que se presentou a intención de destinar a ese fin 919.000 euros do remanente.
A Comisión Informativa de Asuntos Económicos e Facendaditaminou hoxe favorablemente a proposta -que será elevada ao Pleno ordinario do xoves da semana que vén- pola que se prevé a aprobación inicial dun suplemento de crédito destinado á amortización anticipada de débeda municipal por un importe de 918.904,06 euros.
A operación, de acadarse o acordo plenario, financiaríase con cargo a unha parte doremanente de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio 2025.
Segundo o disposto no artigo 32 da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, o superávit e o remanente dispoñible deben destinarse á redución do endebedamento ao tratarse, ademais, dunha obriga financeira prioritaria e de carácter inaprazable. Neste sentido, a operación inclúe a amortización anticipada de diferentes préstamos vixentes, tanto de entidades financeiras como de organismos públicos, reducindo de forma significativa o volume total de débeda municipal.
A proposta responde a unha planificación económica municipal baseada na estabilidade orzamentaria e no uso responsable dos recursos públicos, o que da como resultado un Concello financeiramente saneado.
Por outra banda, tamén se celebrou hoxe unha reunión da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno, na que se ditaminou favorablemente a aprobación inicial do Regulamento do teletraballo do persoal municipal, que será igualmente sometido áconsideración do Pleno o próximo xoves.
O documento regula a prestación de servizos en modalidade de teletraballo para determinados postos municipais co obxectivo de compatibilizar a organización do traballo coa conciliación da vida laboral e familiar, garantindo en todo caso a correcta prestación dos servizos públicos e a atención á cidadanía. Establécense as condicións, requisitos e procedemento de autorización, así como os mecanismos de control e seguimento da actividade, asegurando o funcionamento ordinario dos distintos departamentos do Concello.
Por último, aproveitouse a celebración desta Comisión Informativa para que os tres grupos municipais (PP, BNG e PSOE) acordasen a presentación da alegación conxunta contra o proxecto da planta de biogás de Vista Alegre, do que dará conta no Pleno, sumándose así á iniciativa popular.